Radio e literatura para coñecer o Museo de Pontevedra da man de María Lado e Kiko Novoa

21 de maio 2017

A poeta e actriz María Lado e o xornalista da Radio Galega Kiko Novoa encheron de arte, literatura e comunicación as salas do Sexto Edificio e o Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra na terceira das catro 'Visitas Cruzadas' organizadas pola Deputación Provincial para dar a coñecer o patrimonio da institución 

Visita cruzada no Sexto Edificio do Museo con María Lado e Kiko Novoa Mónica Patxot

"Contar a vida pola radio é moi similar a contala pola arte", mantén o xornalista da Radio Galega Kiko Novoa. E con esa premisa de vencellar os medios de comunicación radiofónicos co mundo da arte dirixiu este domingo a súa 'visita cruzada' polo Museo de Pontevedra. Noutro punto do edificio cultural, facía o propio a poeta e actriz María Lado, no seu caso, establecendo un vínculo con outra manifestación cultural, a literatura. 

María Lado e Kiko Novoa encheron de arte, literatura e comunicación as salas do Sexto Edificio e o Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra na terceira das catro 'Visitas Cruzadas' organizadas pola Deputación Provincial para dar a coñecer o patrimonio da institución desde un punto de vista persoal e emocional desde a perspectiva de oito personaxes destacados do panorama cultural galego. 

Máis de 60 persoas sumáronse á cita este domingo. Unhas comezaron polo armario arquiveiro de José Antonio de Prelo Castrillón Carvajal e Villar, rexedor de Mondoñedo, unha peza de arte de 1780 que María Lado definiu, adaptando a súa expresión á sociedade tecnolóxica actual, como "unha especie de Mis Documentos de Windows pero do século XVIII". A súa visita tiña como fío condutor a literatura e quixo comezala por esta peza de autor anónimo como inicio do soporte papel que permitiu o desenvolvemento literario. 

Poucas paradas, pero moi ben fiadas e xustificadas tivo a vista de María Lado. A seguinte foi ante o retrato de Aurelio Aguirre, o poeta galego máis romántico, realizado polo pintor catalán Ramón Buch. Como en cada alto, ademais dun contexto do autor e da oportunidade de falar da poeta galega por excelencia, Rosalía de Castro, a cicerone aproveitou para recomendar títulos literarios que a ela lle suxire o personaxe, a súa obra ou a época histórica e artística na que viviu. 

Manuel Quiroga e a súa historia como violinista e pintor deu pé a comparacións coa vida actual como a cultura selfie. O retrato que fixo a Quiroga Laxeiro é, desde a súa visión máis literaria e contemporánea, unha "foto instagram típica" que hoxe en día calquera usaría como perfil de Facebook e a anécdota, unha escusa para darlle dinamismo á súa visita polos fondos do Museo e unha transición aos tres cadros de gran formato da colección Contos de Cegos de Castelao. Trátase de tres obras coas que "flipei" en canto as viu e que lle permitiron penetrarse na figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, clave na institución pontevedresa. 

O cadro de Ramón Parada Justel A familia do anarquista o día da execución foi o seu seguinte punto de reflexión e análise. No seu caso, como escusa para achegar ao público á Xeración Doente, a primeira xeración de pintores galegos da época contemporánea, un grupo prometedor do que todos faleceron de tuberculose cando estaban alcanzado o cume da súa carreira a finais do século XIX.

E, como guinda a unha visita inesquecible, quixo deixar a unha muller, Maruja Mallo, considerada a primeira pintora surrealista española e de quen destacou a súa vangardismo e que foi pioneira no feminismo. 

Tras a pintora da xeración de 1927 e un sonoro aplauso, o grupo que seguía a esta guía artística e literaria saíu ao paso de quen comezara a mañá de domingo percorrendo o Museo de Pontevedra seguindo a visión do presentador do matinal Galicia por Diante da Radio Galega. Intercambio de cicerone para coñecer o punto de vista máis radiofónico da institución e, como primeira parada, a exposición temporal sobre a traxectoria do artista pontevedrés Luís Caruncho.

O cadro Azul sobre azul nº18 (chuvia oblícua) de Caruncho serviu a Kiko Novoa para facer xa toda unha declaración de intencións do que serían os próximos 40 minutos de visita e entretemento, igualmente inesquecibles. Cada día empeza o seu programa de radio ás seis da mañá coas previsións meteorolóxicas e , como ocorre con esta obra na que inaugurou o percorrido, moitas veces o tempo é distinto en función de desde  que punto o observe o público

Se a visita de María Lado incluíu poucas paradas e moi detalladas, a de Kiko Novoa optou por unha selección máis ampla e diversa. Non faltaron a prehistoria e pezas que "xa estaban a construír o Museo antes de que se soubera que este Museo ía ser construído" nin a cultura castrexa e a súa lección de que, igual que ocorre coas noticias na radio, o importante dunha obra, ademais do que poida contar o autor, é o que poida percibir quen a observa, oe, ve, le...

Os bosquexos para construír a parte central do Pazo de Raxoi na praza do Obradoiro de Santaigo, os cadros de Joaquín Sorolla dos fondos do Museo, a escultura de Francisco Asorey dunha nai co seu fillo en brazos e, como colofón, a obra de Francisco Vázquez Díaz. Todos lle resultaron de escusa para explicar a arte desde a visión dun comunicador.

No caso deste último, considera que non podía terminar a visita sen explicar como o 1 de xaneiro de 1927 alcanzou a fama a través dos medios de comunicación de entón e logrou ser recoñecido en Madrid enchendo a escalinata do Congreso dos Deputados de pingüíns. Tres deles, están expostos no Museo de Pontevedra. 

Terminadas ambas as visitas, quen acompañaba a Kiko Novoa e a María Lado volveron atoparse, nesta vez cun vermú, un viño e/ou un petisco na man e moito que comentar. 

As Visitas Cruzadas terminarán o vindeiro domingo 28 de maio ás 12.00 horas coa escritora Iria Collazo e o actor e dramaturgo Quico Cadaval. As visitas son gratuítas pero é necesario solicitar a participación a través do correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es.