RADIO.- Dolores Redondo descóbrenos o momento fundamental da súa adolescencia en Vázquez Lescaille de Pontevedra

Pontevedra
19 de novembro 2022

A exitosa escritora donostiarra presentou esta semana a novela 'Esperando ao diluvio' e durante a súa visita promocional fala en PontevedraViva Radio no podcast 'Cara a cara' 

Dolores Redondo ven de publicar a novela 'Esperando al diluvio' Carlos Ruiz

Que Dolores Redondo ten ascendencia galega é sabido entre os seus millóns de lectores. O que quizá non se sabía ata o de agora é que a escritora donostiarra tivo un momento fundamental na súa adolescencia vinculado a Pontevedra e que descobre nas páxinas da súa última novela, presentada esta semana: 'Esperando al diluvio'. Preguntámoslle por aquel momento en PontevedraViva Radio.

Nesta trepidante novela negra, Redondo lévanos ao Bilbao de 1983. A un país aínda non estable politicamente, un País Vasco cunha forte presión policial, actividade terrorista, reconversión industrial na ría; á Aste Nagusia, a semana grande de Bilbao e o devastador diluvio que caeu en agosto daquel ano. Un personaxe que corresponde a un criminal real, John Biblia e un policía Noah Scott Sherrington que fai fronte a unha contrarreloxo por... mellor lelo en 'Esperando al diluvio'.

Polas páxinas da novela transita tamén unha homenaxe á radio. Elizondo segue presente, aínda que Amaia Salazar aínda non o estivese en 1983. "Non é unha triloxía, non é unha saga, é unha sorpresa que estou a preparar para os meus lectores e que quero que vaiades descubrindo aos poucos e gocédelo moitísimo" avánzanos Dolores Redondo no 'Cara a cara'.

Preguntámoslle ademais por 'La cara norte del corazón' que o produtor de 'Harry Potter', David Heyman, levará á pantalla coa estadounidense NBCUniversal. Mentres tanto a televisión pública francesa interesouse por levar tamén ao cinema o seu Premio Planeta, 'Todo esto te daré' ambientada na Ribeira Sacra.