RADIO.- Conversas na Ferrería: Comezan os 'días curtos' co FIC Bueu 2018

Pontevedra
07 de setembro 2018

Paradoxo, nun mes en que o día vai facéndose máis curto, en Bueu faise máis longo. E facendo uso do xogo de palabras, son máis longos grazas ás curtas, á programación que trae o FICBUEU. Charlamos deste Festival de Curtametraxes en PontevedraViva Radio

As Conversas na Ferrería falan do FIC Bueu 2018 Paula Sanmartin

O FICBUEU 2018 está xa na súa conta atrás para desenvolver unha programación intensa e atractiva durante nove días. Comeza este venres 7 de setembro e ata o día 15. Por iso, as Conversas na Ferrería, fan parada outro ano máis nesta refencia das curtametraxes desde as Rías Baixas. Charlamos con Manuel Pena, director do Festival; Severiano Casalderrey, programador do mesmo e María Ruiz, auxiliar de produción.

Debullamos a programación e falamos doutros aspectos do 'backstage' nesta gran maquinaria que require a organización dun evento destas características. O Festival volveu a superarse en canto a cintas recibidas, máis de dous mil curtametraxes, dos que proxectarán ao redor de 80 nestes días. Para iso, Seve Casalderrey dedica tres meses ao seu visionado previo e a súa selección, comenta en PontevedraViva Radio.

A estrutura prevista para a presente edición é similar ás últimas, pero dando un paso máis para seguir elevando o nivel de actividades e de invitados. Unha das novidades é que en lugar de arrincar en sábado, faio venres pola noite, cunha apertura máis ambiciosa coa presenza de The Alley Stompers eXoel López en concerto e a estrea dos tres curtos realizados na área social do FICBueu.