RADIO.- Coñecemos 'La entrega', unha das curtametraxes galegas preseleccionadas para os Goya 2023

Pontevedra
17 de novembro 2022

O cinema con nomes galegos segue reportando boas noticias. Mostra diso é a curta 'La entrega', candidata aos Premios Goya. Charlamos coa pontevedresa Marta Fariña en PontevedraViva Radio

Ferrán Vilajosana e Ramón Barea na curtametraxe galega 'La entrega'

A curtametraxe 'La entrega' estreouse na pasada edición do Festival de Cans e desde entón suma un palmarés de premios e boas críticas imparable. Meteuse entre os quince preseleccionados para este apartado de ficción nos Premios Goya 2023. Dirixida polo amiense Pedro Díaz, o guión está escrito a catro mans: Pedro Díaz e o coruñés Fran Carballal. No equipo de produción está a pontevedresa Marta Fariña Castro, con quen falamos no programa 'Cara a cara'.

Este próximo 20 de novembro, os membros da Academia de Cinema empezarán a votar para determinar se 'La entrega' estará entre os cinco nomeamentos finais para a gala do cinema español, prevista en Sevilla o once de febreiro. É unha curtametraxe que pon ao espectador ante a saúde mental e a soidade dunha persoa maior, interpretada por Ramón Barea - quen tamén forma parte doutro dos títulos que se perfilan protagonistas para estes Premios, 'Cinco lobitos' -. 

Xunto a Barea, Ferrán Vilajosana, interpreta a un rider que introducirá ao protagonista na conexión dixital. Outro elemento que acapara a súa cota de protagonismo na curta é a música e o seu poder evocador; unha parte para a que contaron con Alberto Torres na composición e Toni Zenet como intérprete.

A sinal pontevedresa tamén compite nesta categoría dos Goya con 'Rompente' do director Eloy Domínguez Serén. Non destapamos máis, tes todos os detalles para escoitar no podcast que se adxunta e na web de PontevedraViva Radio.