RADIO.- Cara a cara: O Teatro Principal pon luz sobre as mulleres 'Invisibles'

Pontevedra
15 de novembro 2018

A estrea de 'Invisibles' abre este xoves 15 os actos do Concello de Pontevedra con motivo do 25N. En PontevedraViva Radio charlamos coa directora da obra,  Marián Bañobre e a autora do libro, Montse Fajardo

Montse Fajardo, autora do libro 'Invisibles' levado agora ao teatro
Montse Fajardo, autora do libro 'Invisibles' levado agora ao teatro Mónica Patxot

Trasladar 'Invisibles' do papel á escena teatral foi unha idea brillante. Interpretar ás sete mulleres que compoñen o texto está a ser moi intenso para Mela Casal, Sheila Fariña e Nieves Rodríguez; así como para a directora da obra, Marián Bañobre. Este xoves 15, a partir das 21 horas, o Teatro Principal mostrará ao público a historia das sete mulleres, vítimas da violencia machista, que a xornalistaMontse Fajardo recompilou no libro do mesmo nome.

Marián Bañobre fai confluír neste traballo a súa concepción do teatro: non só entretemento, senón tamén acción social para tratar de cambiar determinadas situacións. Para ela, conta no Cara a cara este proxecto está a ser "un máster e moi gratificante porque a pesar da crueza que contamos - e que como directora non teño a mesma experiencia -, traballar con estas actrices está a ser un agasallo".  

Montse Fajardo agarda igualmente con certo nerviosismo esta estrea. Ela, do mesmo xeito que algunhas das mulleres que reflicte no libro, tiveron ocasión de ver a obra nun ensaio xeral. Emotividade desbordada e ao tempo a tranquilidade de comprobar que a máxima que puxo ao exporse esta obra teatral estaba cumprida: "quería que as protagonistas de 'Invisibles' sentisen cómodas coa representación que se fixese das súas vidas e así é", sinala en PontevedraViva Radio.

Ademais desta estrea, co que o Concello de Pontevedra abre os actos conmemorativos do 25N, 'Invisibles' representarase o 18 novembro en Viana do Bolo, o 23 en Milladoiro e no Auditorio de Vilagarcía o 24 de novembro.