RADIO.- Atentos a Lontreira, canción do verán e un 2023 con disco debut e moitos concertos

Pontevedra
17 de febreiro 2023

A súa primeira canción fíxose co concurso de canción do verán. En seis meses editaron o seu primeiro disco, 'Apnea', e teñen desde a próxima primavera un longo percorrido de escenarios. Queremos saber máis de Lontreira en PontevedraViva Radio

Iván Barral, Adriana Cores e Héctor Rodríguez, integran Lontreira PontevedraViva

Adriana Cores é da Illa; Héctor Rodríguez, de Moaña e Iván Barral, de Meis. E os tres ao unísono Lontreira, un grupo galego emerxente que desde a próxima primavera xa ten comprometidos un bo número de concertos. O máis inmediato e para ir quentando, o 17 de marzo na Fábrica de Chocolate de Vigo. A súa traxectoria é incipiente, pero aos promotores chamáronlles a atención, así que convidámolos a este 'Cara a cara'. A comezos do 2023 sacaron o seu primeiro disco:'Apnea'.

Como un bo número de artistas e grupos musicais, o 'auto' todo ou case todo, foi unha ferramenta fundamental para empezar a mostrarse. E nese mostrarse Lontreira tivo un excelente escaparate o ano pasado ao gañar o concurso da CRTVG á canción do verán con'Corazón de toxo'. Adriana e Héctor decidiron continuar e Iván sumouse a ese camiño iniciático. A Illa de Arousa foi o lugar onde presentaron o seu primeiro disco. Un directo no que participaron descoñecidos da escena como Uxía, Carlos Blanco e Inés Salvado, integrante de De Vacas.

Non se limitan en xéneros musicais, traen desde ritmos caribeños como a cumbia ata sons máis electrónicos, queren explorarse a si mesmos. Aínda que iso de disco conceptual poida soar a difícil de escoitar, 'Apnea' non o é en absoluto, prexuízos fóra. A súa aposta musical tamén está na lingua galega. Suxírennos terminar a charla con 'Deriva', á que os algoritmos sitúan en lugar preferente. Na ligazón adxunta podes escoitar o podcast completo, ou tamén descargalo desde PontevedraViva Radio.