RADIO.- A playlist dunha ilustradora perseverante e reivindicativa: Eli García

Pontevedra
28 de agosto 2021

Eli García acompañounos en PontevedraViva coas súas viñetas durante as semanas de confinamento provocado pola covid-19. Comparte nesta ocasión A playlist de PontevedraViva Radio, traendo ademais de música, un exemplo da cultura do esforzo para conseguir obxectivos

Eli García pon nome e música na Playlist de PontevedraViva Radio Mónica Patxot

Perseverante, soñadora, reivindicativa e colorista. Colorista na súa faceta profesional como ilustradora e colorista na faceta persoal porque foi e é capaz de dar cor a situacións que tenden a grises. Elísabet García Aires, Eli García, compárteos xunto á súa selección musical na Playlist como compartiu as súas viñetas en PontevedraViva durante o tempo que se prolongou o confinamento que trouxo a covid-19.

Coñecemos a esta donostiarra de nacemento e cuxo devir familiar asentouna en Pontevedra chegada a década dos 90. 'Mamá quero ser artista', unha soada canción con décadas encima e que é exactamente o que Eli dixéralle á súa nai, Fernanda. E Eli trazou, sen pinceis aínda, os esbozos dunha narrativa vital. Traballou, aforrou e retomou os estudos na Escola de Arte e Deseño de Ourense e posteriormente no Garaxe Hermético de Pontevedra.

En 2018 conseguíu o seu "primeiro traballo serio", como ilustradora científica e en 2019 estar seleccionada entre os gañadores do concurso de novela gráfica social convocado pola Fundación Divina Pastora. 'O noso fogar' foi unha alegría profesional que persoalmente tamén resultou terapeútica. Este 2021 puxo ilustración ao libro editado por Xerais 'Maxia de pedra' de Alba de Evan e Xabier Domínguez, dirixido a público infantil e xuvenil.

Fálanos igualmente no podcast de PontevedraViva Radio da súa faceta aventureira e lembra un periplo por Marrocos. Fai nove anos emprendeu outra viaxe que comparte con Alberto. En ocasións Eli mira a Elísabet e xuntas fan un exercicio de revisión persoal, sobre o que querían, o que fan e o que esperan que virá. E como conclusión: a máis pequena pode sentirse orgullosa da adulta.