RADIO.- A playlist de... Tanxugueiras: Folk bravo e revolucionario

Pontevedra
30 de novembro 2019

Tanxugueiras son un trío bravo que fai música folk. Dous delas protagonizan A playlist de PontevedraViva Radio pouco antes de que participen na presente edición do Culturgal

Olaia Maneiro e Aida Tarrío de Tanxugueiras, na Playlist de PontevedraViva Radio Cristina Saiz

Son tres novas bravas e revolucionarias, diso non queda dúbida algunha tras o seu paso pola Playlist: "sabemos o que queremos, e como queremos que se escoite. Somo así, se che gustamos, ben, se non, non imos facer outra cousa".Tanxugueiras comezou a finais de 2015, "naceu con empoderamento e morrerá con empoderamento". Nestes anos "habemos mandurado profesional e persoalmente tamén. Houbo unha aprendizaxe forzosa e rápida, foi duro, pero aprendemos".

Aida Tarrío é de Riveira, de Aguiño concretamente. A espiral pola música tradicional herdouno de dúas mulleres: as súas avoas. En Santiago, cando marchou á capital galega para estudar coñeceu ás irmás Maneiro e decidiron formar un grupo. Cunha condición iso si: "isto ten que ser formal ou nada". Actualmente segue aprendendo música, técnica vocal e mesmo se meteu nunha compañía de danza. O seu soño?: seguir ver crecendo a Tanxugueiras.

Das irmás Maneiro, unha inoportuna indisposición de saúde impide que contemos en PontevedraViva Radio con Sabela; pero Olaia fala polas dúas. Son de Teo. Tamén os avós contan nesta historia: un deles era de cantar boleros e unha bisavoa tocaba pandeireta "sen pandeireta, con caixa de zapatos". E o pai, tiña visión de futuro: "ides dedicar á música" díxolles ben cedo. Penetráronse no folclore galego cunha asociación, durante dez anos, deixárono polos estudos ata que comezou Tanxugueiras. 

'Contrapunto' é o seu segundo traballo. É un yin e un yang; un ben e un mal; un día e unha noite. Polos opostos e presentes un e outro. Amores sinceros e amores tóxicos; amizades e traizóns; liberdade e opresión; sometemento e empoderamento. E ademais, empeza e termina forte. Este sábado 30 de novembro participan no Culturgal de Pontevedra. Se escoitas 'Contrapunto' e non se che eriza a lanuxe, faicho mirar.