RADIO.- A playlist de P.A.García: un cubo de Rubik de libros, música, aves, ciencia ficción, podcast e disfraces

Pontevedra
19 de setembro 2020

Coma se fose un cubo de Rubik con todas as súas cores mesturadas. Así partimos na Playlist de PontevedraViva Radio con P.A.García. E imos virando os eixos ata que unimos as pezas do mesmo ton

P.A.García, Pablo Alberto García Rodríguez, convidado da Playlist Mónica Patxot

Coma se fose un cubo de Rubik con todas as súas cores mesturadas. Así partimos en PontevedraViva Radio con P.A.García. Imos virando os eixos ata que unimos as pezas do mesmo ton e descubrimos os diferentes semblantes deste pontevedrés que acaba de publicar 'Un oficio indiscreto'.

Maladanza exerce a súa profesión nesas páxinas, debutou en papel e formato dixital este aborrecible 2020. Con todo, viu a luz grazas ao confinamento. O seu autor, Pablo Alberto García Rodríguez, que se confesa de escritura lenta, conseguiu ese empuxón literario entre tantos días de reclusión. 

Trátase dunha novela negra 'con aires pulp' e na que non falta a ciencia ficción que acompaña a 'Pablingo Star', o alter ego que lle puxeron cando exerce de podcaster en 'La hoguera de los necios'. Xa son dúas das facetas que descobre na Playlist.

Tamén nos fala de 'Porvenir', que non do porvir; e de 'Aquellos días grises' erótico-apocalípticos. De Psicoloxía, ciencia da que é licenciado e máster, aínda que non exerce. De Doppler, o grupo musical ao que pertenceu como guitarrista e de avistamento de aves, unha forma de ocupar o tempo libre en compañía da súa parella, Ana. 

Descubrimos a un pontevedrés que goza do entroido porque lle gusta disfrazarse. Atención á próxima ocasión en que poida celebrarse por se tropezades con Bobby Farrel. E xa que entramos en terreo musical, descubrimos unha simbiose entre o rock e a música clásica. Para completar: durmir ben é un agasallo, o amor é mudo e desde que empezou a pandemia non se volveu a falar do Satisfayer; palabra de P.A.García.