En apenas dúas semanas PortAmérica estreará un novo fogar. A emblemática carballeira de Caldas de Reis acollerá a sexta edición dunha das referencias festivaleiras do noroeste peninsular. Celebrarase os días 13, 14 e 15 xullo coa súa tradicional combinación da mellor música nacional e internacional e unha aposta gastronómica sen comparación posible.
Os seus organizadores presentaron este martes en Vigo todos os detalles dun festival que reunirá sobre o escenario a unha trintena de artistas de dez países e, no seu apartado culinario, a un total de 31 chefs, que entre todos contan con dez Estrelas Michelín.
Nesta presentación desvelouse un novo nome para o cartel do festival, o de Quique González. O cantautor madrileño súmase ao elenco de primeiro nivel do Portamérica e actuará o sábado 15 de xullo xunto a Leiva, Xoel López, Depedro, Porter, Instituto Mexicano del Sonido, Yall, Siddhartha, Enric Montefusco, Igloo, Orkesta Mendoza e Fizzy Soup.
A música comezará en Caldas o xoves 13 de xullo con The Horrors, Iván Ferreiro, Niños Mutantes, Carlos Sadness, Triángulo de amor bizarro, Aterciopelados, Ángel Stanich, Kanaku y el tigre e Nikki Hill.
Pola súa banda, o venres 14 será a quenda de Asian Dub Foundation, Kase.O, Novedades Carminha, BNegão & Seletores de Frequência, Indios, Illya Kuryaki & the Valderramas, Zuco 103, Carlos Jean, Los Amigos Invisibles, Rufus T. Firefly, Mateo Kingman e Say My Name.
O Showrocking, o espazo gastronómico do festival, volverá estar dirixido por Pepe Solla. Nel, poderanse degustar petiscos creados especialmente para esta cita.
Contará cos cociñeiros Diego Guerrero, Roberto Ruiz, María Fernández, Javier Estévez, Javier Olleros, Yayo Daporta, Iván Domínguez, Julio Sotomayor, Daniel Guzmán, Edgar Núñez, Estanis Carenzo, Lucía Freitas, Diego López, Álvaro Villasante, Iago Pazos, Alberto Lareo, Jorge Gago, Maca de Castro, Xoán Crujeiras, Héctor López, Roberto Filgueira, Antonio Botana, Iñaki Bretal, Pablo Romero ou Pablo Pizarro, entre outros.
Ademais, Portamérica volverá contar co Mercado de Talentos, onde creadores e deseñadores poderán mostrar o seu traballo, ou unha zona especial de acampada na que se poderán hospedar os asistentes ao festival.