"Este museo todo el é un tesouro". Así comezou a súa explicación Quico Cadaval na cuarta e última xornada das 'Visitas Cruzadas' organizadas pola Deputación Provincial para dar a coñecer o patrimonio do Museo de Pontevedra.
O dramaturgo foi, xunto á escritora Iria Collazo, o encargado de pechar un ciclo que volveu encher as prazas dispoñibles para coñecer os "tesouros" que esconde a institución.
Por ese motivo Cadaval, no medio de habitual bo humor, comezou o seu relato pola colección que percorre os tesouros da idade de bronce, para pasar despois á idade romana onde os restos dun neno descubertos na escavación arqueolóxica da Lanzada serviron para explicar un pouco máis a visión do dramaturgo sobre Galicia, lugar no que "consérvanse poucos cadáveres pero moitos pantasmas".
Quico Cadaval escolleu tamén cadros do pintor pontevedrés Carlos Sobrino, unha imaxe de Asorey ou as esculturas, xa do século XX, de Narciso Pérez, pero era inevitable asomarse á "mellor obra de teatro deste país", sinalou ao chegar á sala dedicada a Castelao en referencia a 'Os vellos non deben de namorarse', unha obra que supón "un xogo no tempo" e que lle influenciou profundamente.
Por iso detívose con calma ante os deseños do autor e ante as máscaras que, tentando recuperar as que se usaban no teatro grego, deseñou e mesmo moldeou para esta obra teatral.
Moi diferente, pero non menos interesante e sentida, foi a 'visita cruzada' de Iria Collazo, quen quixo centrarse "na figura das mulleres galegas", primeiro como protagonistas de obras de arte e despois tamén como creadoras.
Así a escritora comezou a súa explicación pola 'Festa Galega' de Fernando Álvarez de Sotomayor, para seguir pola pintura 'Viúvas de náufragos' de Xosé Rodríguez Corredoira. Foi aquí onde a mirada das mulleres protagonistas do cadro, cheas de "angustia e medo", inspiroulle para ler un poema de Miguel Anxo Fernán-Vello e reflexionar sobre un naufraxio que segue estando no recordo da vila de Moaña.
Tamén foi paso obrigado para Collazo a obra de Castelao, aínda que no seu caso "os gravados onde había máis presenza das mulleres" como son os de Galiza Mártir. Ademais do "poliédrico" de Castelao, destacou que nos seus textos e obras "sempre se posicionou do lado dos débiles" e, a pesar do duro dos temas que trataba, sempre o fixo "con especial tenrura".
Iria Collazo avanzou para falar dunha muller que "se fose home estaría en todos os libros de arte do mundo", como é Maruja Mallo, escollendo o retrato 'Cabeza de negra' que inspirou o segundo dos poemas que compartiu cos visitantes, un texto titulado 'Rotundamente negro' de Shirley Campbell, unha autora que loitou polos dereitos das persoas inmigrantes. Desde aí quixo rematar "cunhas creadoras actuais que ás veces pasan desapercibidas polo feito de ser mulleres e actuais", sinalou, como son Tatiana Medal e Almudena Fernández.
Unha vez concluídas ambas as visitas, os participantes na xornada e os seus particulares guías gozaron xuntos dun vermú na terceira planta do Sexto Edificio no que compartiron a súa grata experiencia.