Creacións que contan historias a través de pezas conforman a exposición denominada 'Queridas cousas: historias vestidas', que este xoves inaugurábase no Pazo da Cultura. A mostra está promovida polo Mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda coa presenza de 16 coleccións, que se caracterizan pola súa proposta experimental e tamén narrativa, de alumnado da Esdemga de Pontevedra.
Lola Dopico, directora de Esdemga, acompañada polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, encargábase de inaugurar esta iniciativa sinalando que se trata dunha "expresión do que facemos" coa idea de ofrecer moitas cousas que contan estas persoas creativas a través das pezas.
Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra destacou que Esdemga é unha escola que coloca á cidade na vangarda potenciando a súa proxección. Ao acto tamén asistían a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; e dos concelleiros Eva Vilaverde e Xaquín Moreda.
Once das coleccións formaron parte da pasarela Debut, que se desenvolvía en novembro con proxectos defendidos en Esdemga ao longo dos dous últimos cursos. Desta forma, pódese ver a obra de Noemí Montenegro, que lograba coa súa proposta 78.17 MB o Premio Setga cunha colección que rende homenaxe á figura da súa avoa.
Ademais, Bibi Martín, ofrece varios estilismos de Lles années passent, que traballa co concepto da incerteza xerada pola pandemia. Pola súa banda, Sabela Juncal mostra en Condominio a creación dun fogar con todas as relacións que se establecen no seu interior.
No Pazo da Cultura atópanse tamén as coleccións de Sergio Villasante, Candela Novoa, Mireira Bruguera, Lucas Cabaleiro, Marta García Santiago Proaño, María Alborés e Noemí Vidal, todas elas traballos finais.
Por último, pódense visitar propostas de alumando actual do Mestrado con traballos de Noemí Comesaña, Andrea Rodríguez Eiras, Natalia Belén de Roia, Sergio Vidal e Sara Díaz Miranda, segundo recolle o DUVI.
A mostra manterase aberta ata o 30 de xaneiro, de martes a venres de 18.00 a 21.00 horas; sábados, de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas; e domingos de 12.00 a 14.00 horas. Os luns, a sala permanecerá pechada.