Queres tocar na Sala Karma sen desfasar?

Pontevedra
14 de maio 2020

A Sala Karma está a proxectar o retorno á actividade a finais de xuño, pero atendendo aos protocolos de seguridade derivados da alerta sanitaria. Por este motivo os concertos que quere programar serán para menos de 50 persoas e se lanzan á procura de artistas interesados en tocar en plan calmado

Concerto de Carlos Sadness na Sala Karma Mahou

Jack-jack, a empresa que se encarga de xestionar o local de concertos Sala Karma, está a buscar artistas para retomar a actividade a finais do mes de xuño, segundo os cálculos que realizan para a apertura de portas deste espazo fundamental na actividade musical de Pontevedra.

Segundo explican, a volta será con concertos con pouco público, menos de cincuenta persoas. Así é a proposta sobre a que están a traballar para renovar as sesións de música en vivo.

A idea é contar con músicos galegos e por este motivo buscan, sobre todo, bandas con poucos compoñentes, que poidan ofrecer concertos mesmo acústicos. Afirman que serían "concertos sen desfasamento" e queren crear unha base de datos cos grupos que trasladen as súas ideas.

Aquelas persoas e agrupacións que poidan estar interesadas en achegar as súas propostas musicais nesta nova etapa que afronta a Sala Karma poden enviar un correo electrónico a esta dirección: info@jack-jack.es