Queco Lago edita "Clímax", o segundo single do seu primeiro EP profesional

Pontevedra
25 de febreiro 2022

O artista pontevedrés Queco Lago está de estrea este venres. Foi o día elixido para o lanzamento de "Clímax", o seu segundo single oficial, un tema que formará parte do seu primeiro EP profesional, que levará o nome de "Perspectiva"

Queco Lago Cristina Saiz

O artista pontevedrés Queco Lago está de estrea este venres. Foi o día elixido para o lanzamento de "Clímax", o seu segundo single oficial, un tema que formará parte do seu primeiro EP profesional, que levará o nome de "Perspectiva".

Despois de "Mírame", o seu primeiro sinxelo, que ía acompañado dun videoclip dirixido polo tamén pontevedrés Carlos Calvar, "Clímax" conta, de maneira delicada e poética, o primeiro encontro sentimental con alguén de quen se está namorado.

Cada unha das cancións que conformarán este EP, segundo relata o propio artista, conta coa súa propia cor principal. Así, se o de "Mírame" era o azul, o novo tema terá o amarelo como protagonista.

Todas as portadas están deseñadas pola artista Gabriela Mauricio e protagonizadas por Sara Docampo.

Queco Lago, quen ademais organiza o micro aberto mensual para músicos Black Hole en Pontevedra, leva anos tocando en solitario, compartindo cartel con artistas da talla de Baiuca, Eladio y los Seres Queridos, Ángel Stanich ou Pablo Lesuit.

Durante a pandemia formou unha banda formada por Rodrigo Valiente (baixo), Julio Esteban (batería) e José Lázaro (guitarra eléctrica).

Xunto a eles estreará "Clímax", "Mírame" e o resto do seu repertorio nun concerto que se celebrará o próximo 8 de abril na Sala Karma.