"Un libro para recuperar a confianza perdida". Esta é a mensaxe coa que se presenta Puede que algún día..., a primeira novela publicada de Almudena Santamaría, escritora viguesa residente en Vilaboa.
Trátase dunha historia de "amor propio e alleo" da man da editorial Liter_aquel.
Sara, a protagonista da narración, é unha muller tímida e insegura que está atravesando unha mala etapa da súa vida cando coñece a Samuel. A partir dese momento, verase inmersa nun dilema entre os seus desexos e os seus deberes e comprenderá que para amar con liberdade, primeiro precisa amarse a si mesma.
Desde moi pequena, a autora cultivou a habilidade da escritura mediante poemas e relatos cortos ata culminar con este libro, que se define non só como "a historia de Sara. Tamén podería ser a túa ou a miña".
As relacións humanas e os seus conseguintes sentimentos son os principais temas das obras de Santamaría, cuestións universais coas que calquera persoa lectora sería capaz de identificarse.