Propostas de música celta, indie e world music para a banda sonora do luns pontevedrés

Pontevedra
11 de agosto 2020

A noite empezou a caldearse ás 22.00 horas na praza da Ferrería con Laroá, con folk galego, ritmos cubanos, jazz e melodías africanas. Media hora máis tarde, a gaita de Óscar  Ibañez e Tribo empezaron a soar na praza de España e o indie pop de Eladio y los seres queridos nas pistas Campolongo  

Concerto de Laroá na praza de España Cristina Saiz

A banda sonora das festas da Peregrina segue soando, noite tras noite, desde tres recunchos de Pontevedra, con propostas e estilos musicais pensados para públicos diferentes e unha distribución das actuacións que evita as  indeseadas aglomeracións en tempo de pandemia. Na noite deste luns, ademais, repetiuse o éxito de público de sábado e domingo a pesar de ser xa un día de semana e as cadeiras instaladas pola organización para seguir cada un dos concertos ocupáronse. 

A noite empezou a caldearse ás 22.00 horas na praza da Ferrería con Laroá, banda que desde que se estreou no panorama musical galego en 2016 non deixou de gañar en adeptos. A súa proposta de  world  music encheu a céntrica praza con folk galego, ritmos cubanos, jazz e melodías africanas e ofreceu aos espectadores un espectáculo que non se limitou á música. 

Media hora máis tarde, os acordes empezaron a soar de forma simultánea na praza de España con Óscar Ibañez e  Tribo e nas pistas Campolongo con Eladio y los seres queridos.

Para gozar da actuación de Óscar Ibáñez houbo pontevedreses que encheron todas as cadeiras preparadas pola organización no recinto delimitado, pero tamén outros moitos que, respectando distancias e uso de máscaras, quedaron nas  inmediacione para a proposta de música celta do gaiteiro pontevedrés. 

Similares imaxes vivíronse nas pistas de Campolongo entre os fans de Eladio y los seres queridos, que coas súas cancións de indie pop conquistou ao público máis novo. Durante a actuación, a banda presentou o seu sexto traballo, 'Academia', toda unha oda á felicidade que pasa do pop máis clásico ao  indie, o rock, o folk e a canción de autor.  

A programación musical das festas da Peregrina continuará este martes con tres concertos nos mesmos lugares e ás mesmas horas. Ás 22.00 horas está programado na Ferrería o concerto de Talabarte e ás 22.30 as citas serán na praza de España con Os Xesteira e nas pistas Campolongo con Broken Peach.

Arquivado en