Un total de 53 elementos patrimoniais da provincia de Pontevedra serán obxecto de proxectos de rehabilitación e sinalización como resultado dunha partida de subvencións do departamento de Patrimonio da Deputación de Pontevedra.
A Deputación vai repartir 380.792,89 euros en axudas para proxectos que mellorarán o patrimonio histórico cultural en toda a provincia. A partida inicialmente destinada ás subvencións ascendía a 300.000 euros, mais incrementouse en case 81.000 euros co fin de financiar a maioría das actuacións na súa meirande parte.
No caso da comarca de Pontevedra, as axudas chegan a cinco concellos e por unha contía de máis de 35.000 euros.
Barro recibe 8.946,38 euros (o 55,28% do solicitado). Mellorarase o Cruceiro de Outeda, situado na parroquia de Santa María de Curro, que na actualidade está amarrado por dous cables ao chan que evitan a súa caída cara o norte. A intención é identificar as alteracións, estabilizalo con urxencia e mellorar a súa instalación. Para iso será preciso desmontalo na súa totalidade para despois limpar, fixar policromías, consolidalo, adherir elementos e reintegrar os anacos inexistentes, así como instalalo e protexelo fronte a futuros impactos.
Campo Lameiro recibe 2.966,87 (88,84%) para mellorar a información con paneis de gran formato sobre áreas arqueolóxicas de grande interese e potencial turístico: os petróglifos de Metabois, os de Chan de Lagoa, de Castro de Penalba e Pedra da Serpe, así como o petróglifo da laxe da Rotea de Mendo, unha das maiores representacións dun certo de todo Galiza, moi coñecido e valorado tanto a nivel de investigación como da veciñanza. Todos os paneis contarán cun mapa que remita ás outras áreas visitables.
Cerdedo-Cotobade terá 7.273,36 euros (100%) para realizar unha mellora e embelecemento do conxunto de lavadoiro e fonte de castro do medio, corrixindo a súa accesibilidade instalando un pavimento duro para o acceso, xa que o actual de terra ten moita pendente e está permanentemente asolagado polas chuvias. Tamén se pretende instalar un novo pavimento de lastros de pedra.
Para A Lama destinan 8.989,80 euros (60,34%). As actuacións sitúanse no lavadoiro da Perdiz, no lugar de nome homónimo dentro da parroquia de Covelo. O obxectivo é evitar a perda definitiva de elementos etnográficos e tamén "unha perda da identidade, do carácter orixinal e do valor histórico artístico e etnográfico dos diferentes elementos do patrimonio municipal por obras inadecuadas pola súa execución ou os materiais empregados".
Poio obtén a totalidade do subvencionable por valor de 7.177,72 euros. A axuda estará destinada á sinalización de lugares de interese patrimonial no núcleo de Combarro. A actuación consistirá na instalación de sete paneis na Praza da Rualeira, na Praza do Peirao, na Rúa do Mar, na Praza da Chousa, na Casa do Campo, na Praza de San Roque, e no Paseo das Redeiras, achegando información centrada no uso tradicional destes lugares e con referencias aos cruceiros e hórreos de Combarro, con fotografías antigas do Museo de Pontevedra. Tamén se actualizará o plano no panel de tres caras da Praza da Chousa e mellorarán os contidos da páxina web en referencia a Combarro.