Preto de 800 persoas visitaron no Museo en apenas tres semanas os cadros expoliados polos nazis

Pontevedra
18 de marzo 2021

As pezas están instaladas na sala 1 do primeiro andar do Edificio Castelao. Xunto a elas hai unha breve reseña explicativa e un código QR que amplía a información da súa historia e trazabilidade

Dous fotoxornalistas diante dos cadros expoliados polos nazis Deputación de Pontevedra

A exposición temporal cos cadros da 'Dolorosa' e o 'Ecce Homo'  identificados como orixinarios do espolio nazi recibiron 773 visitas no Museo de Pontevedra dende a súa posta a disposición do público o pasado 25 de febrero, hai apenas tres semanas. Así o anunciou este xoves o vicepresidente César Mosquera, que subliñou que se ten detectado importante interese nas obras.

As pezas están instaladas na sala 1 do primeiro andar do Edificio Castelao. Xunto a elas hai unha breve reseña explicativa e un código QR que amplía a información da súa historia e trazabilidade.

Estarán a disposición do público ata o momento da súa restitución aos seus lexítimos propietarios, aínda sen determinar, xa que se debe aclarar por parte do Ministerio como proceder co goberno polaco e coa familia reclamante.

Unha vez máis o vicepresidente César Mosquera animou á cidadanía a aproveitar a oportunidade para contemplar as dúas creacións e afondar na súa orixe e características, que están suscitando curiosidade entre as persoas que visitan o Museo e que preguntan elas de forma habitual.

Estas pezas foran inicialmente atribuídas a Dieric Bouts mais, a raíz dun informe da directora do Instituto Moll Ana Diéguez por encarga do Museo, sábese que non teñen esta autoría e que case con total seguridade pertenzan a algún membro do taller do seu fillo Albert Bouts. Isto dátaas nun periodo máis tardío do século XVI, algo que encaixa tamén coa cronoloxía e o tipo de marco tan significativo con casetóns e textos sostidos por ánxeles que presentan.

Segundo confirmou o vicepresidente Mosquera, cos datos achegados polo director da institución, o Museo está a recuperar a afluencia de público logo do peche obrigado pola pandemia.

Tanto o interese dos cadros polacos espoliados como a exposición de fotografía de José Suárez están a servir de atracción para o público, que repunta, incluso participando nos obradoiros e actividades programadas.

Está prevista durante a Semana Santa unha actividade para a infancia complementaria á mostra fotográfica na que se habilitarán catro quendas de catro nenos para a que é precisa inscrición previa e manter as limitacións necesarias pola covid.