A historia pódese contar de tantas formas diferentes como persoas haxa que se dediquen a transmitila. A forma que elixiu Montse Fajardo foi dar voz ás súas protagonistas femininas. Esta xornalista e escritora arousana relata a historia da Galicia da Guerra Civil, da Posguerra, da Transición a través das vidas de dez mulleres que experimentaron na súa propia pel as consecuencias da represión, da fame ou dunha sociedade machista e, malia as pedras que encontraron no camiño, lograron sacar adiante as súas familias e as súas propias carreiras.
A través das súas traxectorias pódese enxergar os acontecementos máis destacados da historia de Galicia do século XX e contándoas confía en que axuden a preservar a memoria colectiva dunha época e a devolver á muller o papel destacado que ocupou na Galicia matriarcal do século pasado, pero que é o grande esquecido en todos os relatos históricos.
Matriarcas. Mulleres en pé de vidapublicouse a finais de 2012, presentouse por toda Galicia e vai xa pola súa terceira edición, pero este luns volveu a Pontevedra dentro do proxecto municipal 'A memoria das mulleres' que promove a concellaría de Patrimonio Histórico de Luis Bará co obxectivo de construír un fondo documental, gráfico e audiovisual sobre a historia das mulleres de Pontevedra.
O acto, o primeiro de 2014 de 'A memoria das mulleres', serviu para achegar ao público da Casa das Campás as vivencias dos seus dez protagonistas, oito a través do relato da escritora, pero dous da forma máis fiel que poden contarse unha historia, en primeira persoa, da man de Gloria Lijó e Waldina Pereira. 69 e 84 anos, pero compartiron de forma fresca e directa os recordos da súa infancia, a súa xuventude e a súa chegada demasiado temperá á vida adulta.
Ante un público entregado que, ademais, non deixou ningún asento baleiro no auditorio, Waldina compartiu os seus relatos dunha infancia marcada polo encarceramento do seu pai (carabineiro fiel á República durante a Guerra Civil) e a persecución á súa nai (estivo nas listas negras da Falanxe), dunha xuventude emprendedora na que creou o seu propio quiosco con tan só 16 anos e dunha vida adulta como emigrante en Uruguai e, xa ao seu regreso a Carril (Vilagarcía) como unha viúva moza obrigada ao pluriemprego para sacar adiante os seus dous fillos.
Coa súa simpatía, a ribeirense Gloria Lijó gañouse ao público dende o minuto cero do seu relato e espertou os seus sorrisos cómplices e mesmo auténticas gargalladas malia estar a compartir vivencias duras e unha vida "chea de calamidades". Transportou aos presentes ata os 7 anos en que aprendeu a cociñar o caldo grazas aos alimentos que previamente tivera que pedir ao veciño rico, aos 9 anos en que ía recoller mexillón durante horas sen almorzar e sen ter que levarse un pan logo a boca, aos 25 anos en que se embarcou co seu marido nun petroleiro, ao tempo en que foi a primeira e ata agora única muller que traballou na pesca de baixura en Marrocos.