O 'Álbum Nós', de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, conta xa cunha edición especial institucional que publica a Editorial Galaxia a través da Deputación de Pontevedra. Trátase dunha reimpresión realizada con motivo da conmemoración hai un ano da adquisición da obra orixinal.
A entrega deste exemplar realizarase de maneira simbólica durante o acto previsto para este xoves, a partir das 20.00 horas, de inauguración do rótulo coa denominación Castelaopara o edificio museístico que se atopa na rúa Pai Amoedo.
María Ortega, deputada de Patrimonio Documenta e Bibliográfico, Memoria Histórica e Lingua, indica que esta iniciativa parte das conversacións sobre a difusión da obra de Castelao con Francisco Castro, director de Galaxia, editorial que ten legalmente recoñecidos os dereitos en exclusiva para a edición en formato papel e dixital de toda a obra do autor de Rianxo.
A Deputación distribuirá a publicación entre o público que asista ao acto inaugural deste xoves e tamén entre as bibliotecas municipais da provincia para que calquera persoa poida consultalas.
Segundo a deputada María Ortega, a adquisición da colección do 'Álbum Nós' provocou que o Museo de Pontevedra se convertera no centro de referencia para o coñecemento da obra de Castelao, con máis de 5.000 pezas orixinais do pensador e autor.
Este xoves, ademais da inauguración do rótulo do Edificio Castelao e da presentación desta edición especial do 'Álbum Nós', tamén se abrirá no Museo a exposición 'Castelao en Europa. A viaxe de 1921', comisariada por Ángeles Tilve.