Presentadas 49 candidaturas ao Certame Novos Valores do Museo

Pontevedra
10 de maio 2022

Os autores admitidos deberán entregar un ‘adianto fotográfico’ das súas obras entre o 23 e o 28 de maio

Novos Valores 2022 Deputación de Pontevedra

O certame de Artes Plásticas Novos Valores deste 2022 recibiu 49 candidaturas. Trátase da cifra máis alta de aspirantes dende que se modificaron as bases do concurso restrinxindo a idade máxima de participación aos 35 anos e se endureceron os criterios de selección.

Pechado ás 23.59 do luns 9 de maio o prazo de solicitude, os servizos técnicos están agora a supervisar que toda a documentación presentada polas persoas aspirantes é correcta. As persoas que reúnan os requisitos da convocatoria recibirán un correo electrónico no que se lle indicará a validación da súa participación e o código asignado á súa obra, así como o modelo anonimizado necesario para presentar a proposta técnica segundo o previsto no seguinte punto.

Cumplimentado o trámite inicial será cando as persoas participantes deberán achegar -, entre o 23 e o 28 de maio de 2022- un adianto fotográfico da súa obra. Nese adianto debe incluírse o modelo de presentación anonimizado –co código do proxecto-; ata cinco fotografías da creación nun formato adaptado aos admitidos na sede electrónica; unha memoria da obra presentada que inclúa a ficha técnica da mesma (título, técnica, medidas, ano de realización) e a súa descrición; un dossier cos traballos desenvolvidos para coñecer a traxectoria artística; e a presentación, detallada e expresa, da finalidade ou do destino formativo para o que se concorre á bolsa.

Na segunda fase, convocarase o xurado para examinar, valorar e seleccionar ata un máximo de 25 propostas de entre as presentadas, coas que se conformará a mostra ‘Novos Valores 2022’, que estará aberta ao público no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra do 7 de xullo ao 11 de setembro de 2022. 

Na terceira fase farase a presentación da obra orixinal para a montaxe da exposición. Xa finalmente, na cuarta fase, coas obras seleccionadas xa expostas, e antes de inaugurar a mostra, convocarase de novo ao xurado para que, unha vez examine e valore as obras, propoña catro persoas autoras das obras merecedoras das bolsas.

Os premios Novos Valores pretenden ser un recoñecemento e recompensa da Deputación de Pontevedra a destacadas obras orixinais e inéditas nas modalidades de pintura, escultura, debuxo, deseño, gravado, fotografía, cerámica e vídeo creación, entre outras. Este labor de patrocinio e a concesión de axudas a creadores noveis vense realizando de maneira histórica, estando xa documentadas na segunda metade do século XIX, desenvolvidas con criterios e formatos moi diversos ao longo do século XX, e con continuidade e vixencia plena na actualidade.

Os premios consistirán na adxudicación, entre as obras seleccionadas, de catro bolsas, cada unha por un importe de sete mil cincocentos euros brutos, para que amplíen os seus estudos artísticos.