Pontevedra reflexiona sobre o confinamento coa traxicomedia '32M2'

Pontevedra
01 de abril 2021

O Teatro Principal de Pontevedra acolleu unha dobre función do novo espectáculo '32m2', unha peza de teatro absurdo sobre o confinamento protagonizada polo pontevedrés Xurxo Cortázar e Nuria Gullón. 

'32m2', con Xurxo Cortázar e Nuria Gullón Mónica Patxot

ButacaZero representou este mércores no Teatro Principal de Pontevedra a traxicomedia '32 m2', unha peza de teatro absurdo que aborda as experiencias vividas por Mar e Xan durante os meses que durou o estado de alarma que comezou o 14 de marzo de 2020. 

Mar está interpretada por Laura Villaverde e Xan por Xurxo Cortázar. Eles dan vida durante 80 minutos a esta parella confinada nun piso de 32 metros cadrados. 

A obra recolle elementos cómicos e tráxicos para reflexionar xunto ao espectador sobre o vivido hai un ano. 

Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira son os directores do proxecto que se inspiraron nas súas propias vivencias e na obra 'Esperando a Godot' de Samuel Beckett.

Cuestións como a soidade, o abandono, as complexidades das relacións interpersoais ou o estrés e o os ritmos frenéticos impostos na 'vella normalidade' serán algúns dos temas que se visualizarán nesta peza.

A través de elementos cómicos e tráxicos, '32m2' pon o foco sobre a convivencia da sociedade coa precariedade e as desigualdades na súa vida cotiá a través da mirada de Mar e Xan.

Esta parella que se considera a si mesma como 'antisistema' e viven con tranquilidade nun pequeno piso dunha superficie de 32 metros cadrados ata que, de súpeto, un día confinan a toda a poboación.