Pontevedra quere ser "arte e parte" para celebrar o Día Mundial da Arte

Pontevedra
05 de abril 2023

Como cada ano, o próximo 15 de abril conmemórase en todo o mundo o Día Mundial da Arte. E Pontevedra, por primeira vez, sumarase á celebración. Será coa iniciativa "Arte e Parte", un festival multidisciplinar que promete unha intensa xornada de actividade musical e artística

Presentación do festival Arte e Parte Concello de Pontevedra

Como cada ano, o próximo 15 de abril conmemórase en todo o mundo o Día Mundial da Arte. E Pontevedra, por primeira vez, sumarase á celebración. Será coa iniciativa "Arte e Parte", un festival multidisciplinar que promete unha intensa xornada de actividade musical e artística.

Aproveitando que coincide en sábado e nun mes de "plena primavera", segundo destacou a edil de Festas, Carme da Silva, ata catro espazos diferentes da cidade acollerán unha variada programación cultural, que dará cabida a numerosas disciplinas.

Os espazos que actuarán como escenario para estas actividades serán os Xardíns de Marescot, o Campillo de Santa María, a praza de Curros Enríquez e A Ferrería.

Haberá ademais pasacalles pola cidade, que partirán desde o mercado de abastos. O primeiro deles, xa desde as 12:00 horas, co grupo pontevedrés de folk Tanto Nos Ten, un habitual de diferentes festas e eventos, entre eles o Memorial Ricardo Portela ou o Festixeve.

Os Xardíns de Marescot, situados xunto a Belas Artes, centralizará toda a programación infantil deste festival. Alí haberá desde actuacións musicais, espectáculos teatrais ou talleres de debuxo e expresión gráfica, no que os asistentes poderán completar as siluetas propostas.

Ás 12:30 horas ofrecerase o espectáculo de Rogelio, un pallaso en recuperación; e ás cinco da tarde, o de Tranvía Leonardo.

A música será un dos eixos principais desta Arte e Parte, conxugando "grupos xa moi clásicos" dentro do panorama artístico galego con artistas emerxentes "que xa foron premiados" en diferentes certames e que, no seu conxunto, ofrecerán unha "ampla diversidade" de estilos.

Tres concertos amenizarán a xornada no Campiño de Santa María. Serán os de Chicharrón (12:30 horas), Zeltia Irevire (17:00 horas) e Queco Lago (21:00 horas).

Pola súa banda, na praza de Curros Enríquez actuarán Ruada da Vila (12:30 horas), Antía Muíño (18:00 horas) e a pontevedresa Helena Egea (21:00 horas).

Na Ferrería, onde estará situado o escenario de maior tamaño, tras o espectáculo poético-musical de DebajoDeLaPalmera á unha da tarde, chegarán os concertos de Boyanka Kostova (14:00 horas), C.Mirazo (17:00 horas), Lontreira (20:00 horas) e Familia Caamagno (22:30 horas).

Arte e Parte, a pesar de coincidir este ano co Día Mundial da Arte, quere consolidarse no calendario festivo da cidade. "Sería a primeira ocasión que algo que facemos non nace con vocación de continuidade", sentenciou Carme da Silva.