O Concello de Pontevedra quere poñer en marcha durante este curso o proxecto A memoria das mulleres co obxectivo de construír un fondo documental gráfico e audiovisual sobre a historia das mulleres de Pontevedra.
A idea é elaborar un fondo para investigar sobre a materia que teña unha presenza en Internet como enciclopedia virtual sobre as vidas das mulleres do concello ao longo dos tempos, con atención específica ás pertencentes á clase traballadora.
Para desenvolver este traballo, o concelleiro de Patrimonio cultural, Luis Bará, anunciou que se vai promover a participación dos centros educativos, ademais de colaborar con outros axentes sociais como a asociación cultural do Burgo ou Cedofeita e coa posibilidade de que calquera institución poida achegar recursos. Para realizar propostas e avaliar o desenvolvemento do programa constitúese un consello asesor formado por mulleres de diferentes ámbitos sociais dende artistas a traballadoras anónimas.
Unha das propostas que avanzou o concelleiro é a de establecer nomes de mulleres para rúas, percorridos ou elementos conmemorativos. E destacou o anonimato que histórica e socialmente sufriron as mulleres.
Bará indicou que o próximo xoves 7 de novembro se celebrará unha xornada de traballo sobre a recuperación da memoria no ámbito local. Desenvolverase na Casa das Campás de 17:30 a 20:30 coa participación de Carmen Suárez, Antón Caiero e Patricia Arias que veu desenvolvendo proxectos similares como Fálame de San Sadurniño, O faiado da memoria e Mecas. A memoria das mulleres.
Segundo expuxo o concelleiro de Patrimonio Cultural espera que nos próximos dous ou tres anos poida estar finalizado este proxecto que, sinalou, é único cun formato tan "amplo e integral".