Pontevedra será a primeira cidade galega en acoller os Premios Lazarillo

Pontevedra
24 de febreiro 2025

Os galardóns á literatura infantil e xuvenil do 2024 entregaranse o 2 de abril no Salón do Libro da cidade pontevedresa

O concelleiro de Cultura Demetrio Gómez e o presidente do Gálix David Cortizo presentando os Premios Lazarillo 2024
O concelleiro de Cultura Demetrio Gómez e o presidente do Gálix David Cortizo presentando os Premios Lazarillo 2024 Concello de Pontevedra

O Salón do Libro  de Pontevedra recibirá, o vindeiro 2 de abril, o acto de entrega dos Premios Lazarillo 2024, os galardóns máis importantes da literatura infantil e xuvenil a nivel nacional.

No evento de presentación deste luns 24, participaron o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, e David Cortizo, presidente de Gálix e vicepresidente da OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil).

Por primeira vez dende a súa creación en 1958, os premios deixan atrás o circuito habitual de Madrid e Barcelona para chegar a Galicia.

A entrega dos Premios Lazarillo terá lugar o 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, no Salón do Libro de Pontevedra, un dos máis antigos do Estado.

Os Premios Lazarillo recoñecen o talento en dúas categorías: Creación Literaria e Álbum Ilustrado. Ambas disciplinas ocupan un lugar fundamental dentro da literatura infantil e xuvenil.

O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, destacou a relevancia de Pontevedra no ámbito da literatura infantil e xuvenil, afirmando que “en Pontevedra encontramos un tecido, unecosistema importantísimo que potencia a literatura infantil e xuvenil”.

Galicia sobresae nos Premios Lazarillo, acumulando un terzo dos galardóns dende 1990. Autores como Agustín Fernández, Marilar Aleixandre, Ana María Fernández Paz ou Ledicia Costas, gañadora en tres ocasións, deixan pegada nesta prestixiosa convocatoria.

David Cortizo, presidente de Gálix, sinalou que “Non houbo ninguna dúbida para designar a Pontevedra como lugar onde  había que entregar o premio”.

A entrega na cidade do Lérez reforza o seu papel como referente na literatura infantil e xuvenil.