Pontevedra mercará nas librerías da cidade obras de Xela Arias para repartir entre diversos colectivos

Pontevedra
11 de maio 2021

A compra realizarase desde a área de Normalización Lingüística en 19 librerías locais cun investimento de preto de 1.000 euros por establecemento. Ademais, o Concello contratará cunha empresa local esta distribución, posto que o alcalde non realizará a habitual entrega de lotes debido á situación sanitaria

Xela Arias Xulio Gil / Real Academia Galega

O Concello de Pontevedra está a realizar a compra de libros sobre Xela Arias, a autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, nas librarías da cidade, cun investimento de preto de 20.000 euros. Esta iniciativa, que xa se desenvolveu o ano pasado, forma parte dunha liña de traballo do Concello para impulsar o comercio de proximidade e reafirmar o apoio ás librerías locais.

Desde a área de Normalización Lingüística, que xestiona o concelleiro Alberto Oubiña, procederase á compra de 1.740 exemplares de publicacións de distintas editoras galegas, tanto para público adulto como infantil e xuvenil e con formatos moi diversos, entre os que destacan a biografía e as compilacións poéticas.

Os libros serán destinados, como é habitual ao redor da celebración das Letras Galegas, a todas as asociacións, entidades e centros escolares de Pontevedra. Ademais, o Concello contratará cunha empresa local esta distribución, posto que o alcalde non realizará a habitual entrega de lotes debido á situación sanitaria.

A compra realizarase en 19 librerías da cidade, cun investimento de case 1.000 euros por cada establecemento.

Adquiriranse os seguintes títulos: ‘Os Bolechas. Colección Letras Galegas. Xela Arias’ (Bolanda), ‘Liberdade, solidariedade e amor pola lingua’ (Lela Edicións), ‘Darío a diario’ (Xerais), ‘Xela Arias, os territorios da liberdade’ (Xerais), ‘Non te amola!’ (Galaxia), ‘Xela quixo ser ela’ (Galaxia), ‘Xela Arias, poeta e tradutora’ (Ir Indo), ‘Xela Arias, palabra á intemperie’ (Baía Edicións), ‘Intempestiva, unha biografía (literaria)’ (Galaxia), ‘Poesía reunida’ (Xerais) e ‘Intempériome’ (Xerais).