Pontevedra e o Museo afondan máis na súa simbiose cunha nova imaxe corporativa que representa á propia cidade

Pontevedra
16 de xullo 2020

A letra M é desde este xoves a nova imaxe institucional do Museo de Pontevedra e tamén a forma da peza escultórica instalada na terraza de acceso ao Sexto Edificio. M de museo, pero M tamén pola forma das pontes e polo peite do Tesouro de Caldas. E M, en definitiva, porque toda a cidade de Pontevedra é un museo

Presentación da nova imaxe corporativa do Museo de Pontevedra Mónica Patxot

M de museo, pero M tamén pola forma das pontes cuxa imaxe resulta tan característica de Pontevedra e M pola forma do peite do Tesouro de Caldas que forma parte dos fondos do Museo de Pontevedra. M maiúscula porque "é moi importante" e, ao mesmo tempo, M minúscula porque "así representa a cercanía da xente". E M, en definitiva, porque toda a cidade de Pontevedra é un museo. 

A letra M é desde este xoves a nova imaxe institucional do Museo de Pontevedra e tamén a forma da peza escultórica instalada na terraza de acceso ao Sexto Edificio desta institución cultural, a modo de recibimento a todas as persoas que se acheguen a gozar dos seus fondos e actividades. 

A nova imaxe corporativa é obra da deseñadora Uqui Permui e, en base ao seu deseño, o arquitecto Jesús Fole ideou a escultura. Este xoves, a presidenta da Deputación, Carmela Silva: o vicepresidente, César Mosquera (responsable político do Museo); o director do Museo. Xosé Manuel Rey; e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, deron a coñecer tanto esa nova imaxe como a propia peza escultórica.

No transcurso do acto, Uqui Permui lembrou que os símbolos teñen a función de expresar moitísimas cousas e un logotipo ou unha boa imaxe poden axudar a achegar valor ao patrimonio, por iso era tan importante este paso dado polo Museo de Pontevedra de querer renovar a súa imaxe. Levaba máis de 75 anos utilizando un ‘ex libris’ de Alejandro de la Sota que agora se conservará para un uso, de feito, 'ex libris' en todas as publicacións da institución.

Con este novo logotipo, a autora quixo simbolizar, segundo ela mesma explicou, que "Pontevedra é un caso especial porque o Museo e a cidade se complementan", o Museo está esparcido por toda a cidade e, cando o vas coñecendo, vas coñecendo tamén a vila.

O reto conceptual buscaba crear unha imaxe que simbolizara que Pontevedra é un museo en si mesma, pero tamén sacar o Museo ao exterior e, para iso, escolle unha das súas grandes xoias, o Tesouro de Caldas, e un peite que forma parte da colección e que a ela lle fixo pensar en todas as mulleres que o usaron noutras épocas e en como un elemento de uso cotiá se acaba convertendo nun tesouro cotiá. 

Para rematar de configuralo, esa M tamén representa as formas da cidade de Pontevedra, coas súas pontes para lograr afondar nesa idea de que o Museo forma parte da propia vila. O seu obxectivo é que este novo símbolo "consiga filtrarse na cidade e en todas e todos" e que "pase a formar parte da nosa cultura e da nosa identidade”.

A renovación da imaxe institucional do Museo busca, tal e como lembrou este xoves Mosquera, impulsar a institución museística e con esta nova imaxe logrouse "sacar o Museo cara a fóra", substituíndo a anterior imaxe do exterior do edificio de Castro Monteagudo por unha que mira cara a dentro, a un tesouro que ata agora estaba dentro das súas paredes e que se proxecta "cara a cidade de Pontevedra e cara a Galiza”.

En opinión da presidenta da Deputación, esta nova imaxe corporativa amosa "o gran poderío do Museo de Pontevedra e o que se pretende que sexa: un museo que se afinque no século XXI" e, pese a que aparentemente é simple, un M, "ten unha enorme potencia, é moi creativa e segue o camiño iniciado para converter ao Museo de Pontevedra nunha grande referencia da cultura”.  

Tamén o alcalde de Pontevedra insistiu en que o Museo de Pontevedra é "un dos máis importantes do Estado" e ten "un legado moi importante" e agradeceu esta nova imaxe que afonda en que a institución é "un activo importantísimo da cidade de Pontevedra"

O director do Museo destacou a "presenza visual, versatilidade, convivencia con outros elementos de comunicación institucional e aplicabilidade sobre diferentes elementos e soportes” desta nova imaxe, que substitúe á imaxe icónica da institución desde 1942, "evocadora" e "cun extraordinario capital simbólico”, pero que a día de hoxe tiña grandes limitacións. 

Enmarcou esta renovación no propio proceso de paulatina renovación do Museo, que xa supuxo a creación dun Consello Asesor que estivo moi implicado na renovación da imaxe e que agora suporá renovar a páxina web, potenciar as redes sociais, e apostar polas TICs (tecnoloxías da Información e a Comunicación).