O máis selecto do cinema e da televisión española darase cita en Pontevedra o 25 de xaneiro do ano que vén. A cidade acollerá a entrega dos Premios Feroz, considerados como a antesala dos Premios Goya. Será cunha gala que se celebrará no Recinto Feiral.
Así o anunciaron este mércores os representantes da Asociación de Informadores Cinematográficos de España que confirmaron que Pontevedra será a casa dos Premios Feroz durante os dous próximos anos, 2025 e 2026.
"Hoxe é un gran día para Pontevedra e para Galicia", destacou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que celebrou que a cidade "será vangarda e será epicentro do dinamismo e do talento" dun sector audiovisual que é un "motor de enorme relevancia".
Os Premios Feroz, segundo Fernández Lores, "encaixan en Pontevedra á perfección" e permitirán unir turismo, cultura e economía nunha "visión compartida" que irá máis aló dos premios, xa que se organizarán obradoiros, proxeccións ou coloquios xa desde o outono.
María Guerra, presidenta da asociación que organiza estes premios, subliñou que Pontevedra "es un lugar maravilloso" para acoller esta gala, por ser unha cidade "abierta, culta y compleja", disposta a recibir ás voces dos creadores que fan cinema e series.
"Tenemos una vocación de carromato itinerante", sinalou Guerra, que explicou que con cada edición os Feroz "nos intentamos abrir a la sociedad", por iso é polo que a colaboración con Pontevedra non sexa só para a cerimonia, senón que sexa un "punto de encuentro" durante meses
Así, a organización convidará a creadores e artistas a "hablar de lo que nos pasa como sociedad", actos sociais e culturais nos que "podremos estar juntos y dialogar sobre el sector".
A presidenta dos Feroz destacou o papel que Galicia ten no audiovisual actual, grazas ás súas produtoras "potentísimas" e creadores de cinema de autor "que están en todos los festivales", polo que contribuirán a ser "correa de transmisión" de todo este talento.
A gala, segundo adiantou, manterá o espírito irreverente que lles caracteriza e, ao estilo dos Globos de Ouro nos que se inspiraron no seu día, os premios entregaranse nunha cea na que os invitados sentarán en mesas redondas e participarán nun gran espectáculo televisivo.
Os Premios Feroz, que se entregan desde o ano 2014, son unha iniciativa da Asociación de Informadores Cinematográficos de España, co obxectivo de recoñecer á mellor produción audiovisual española do ano, tanto en cinema como en televisión.
Desde os seus inicios, estes galardóns entregáronse tradicionalmente en Madrid pero, nos últimos anos, os seus responsables optaron por facelos itinerantes por España e xa se celebraron en Bilbao (2019) ou Zaragoza (2022 e 2023).
Na súa edición de 2024, as triunfadoras foron 20.000 especies de abejas e Robot Dream, galardoadas como mellor película dramática e mellor película de comedia; e as series La mesías e Poquita fe, nas categorías de drama e comedia, respectivamente.