Pontevedra acolle exposicións, proxeccións e concertos arredor da figura de José Gil, o pioneiro do cinema galego

Pontevedra
10 de outubro 2023

En Pontevedra, entre o venres 13 e o luns 16 de outubro haberá proxeccións e paneis ao redor da traxectoria de Gil, que foi fotógrafo, director, operador de cámara, realizador, produtor e exhibidor de cinema nun tempo no que o audiovisual nacía en todo o mundo

Manolo González, Ignacio Vilar, José Alfredo Sánchez e Demetrio Gómez Mónica Patxot

Chegou á Boa Vila o proxecto multidisciplinar "José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema", que aglutina presentacións, exposicións, proxeccións, concertos e múltiples actividades para poñer en valor a figura de José Gil (1870-1937), pioneiro do cinema galego.

Trátase dun proxecto que desenvolve á Deputación de Pontevedra xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia e que chegará neste 2023 a trinta concellos da provincia.

En Pontevedra, entre o venres 13 e o luns 16 de outubrohaberá proxeccións e paneis ao redor da traxectoria de Gil, que foi fotógrafo, director, operador de cámara, realizador, produtor e exhibidor de cinema nun tempo no que o audiovisual nacía en todo o mundo.

Na xornada do venres 13 de outubro, o Teatro Principal de Pontevedra acollerá entre as 18:00 e as 20:00 horas a visita guiada ao Cinemóbil nº3 para a cidadanía interesada, que poderá achegarse aos 16 paneis explicativos sobre a figura do cineasta nos que se aborda a súa biografía e traxectoria. Entre as 20 e as 21:30 horas do venres, e tamén no Teatro Principal, terá lugar unha serie de proxeccións de balde para o público en xeral. 

Pola súa banda o sábado, 14 de outubro, a programación arrancará ás 10:00 horas no exterior do Teatro Principal con visitas guiadas ao Cinemóbil nº3 e entre as 13 e as 14 horas terá lugar a sesión vermú amenizada pola Banda de Música de Salcedo (en caso de choiva trasladaranse as actividades ao interior do Teatro). 

Finalmente o luns, 16 de outubro no Teatro Principal e entre as 10 e as 13:30 terán lugar proxeccións para centros de ensino da cidade que tamén poderán realizar unha visita ao Cinemóbil nº3.

A cidade de Pontevedra é un espazo referencial na traxectoria de José Gil pois nela impresionou algúns dos seus primeiros filmes, en 1910 e 1911: "Visita de periodistas ingleses a Vigo y Pontevedra", "Pontevedra patria de Colón", "Viaxe en tren de Vigo a Pontevedra", "Festa nas capitais de Galicia", "Salida de misa de doce de Santa María" ou "Un día de feira en Pontevedra". Nelas recóllense imaxes da Ferrería, do campo da feira, da estrada de Ourense ou, entre outras, da rúa Oliva.

Tamén filmou corridas de touros na praza de Pontevedra e, na cidade, realizou a primeira peza de ficción do cinema galego "Miss Ledyia" (1916) na que Castelao é un dos seus actores e cuxo orixinal ten depositado o Museo de Pontevedra na Filmoteca Española.

Ademais, en Pontevedra creou con Fausto Otero a segunda produtora galega, "Galicia Film" (1919), e no seu Teatro Principal proxectábanse habitualmente filmes de Gil.