Polo Correo do Vento publica 'Xela Arias. Liberdade, solidariedade e amor pola lingua'

Pontevedra
19 de abril 2021

Trátase do noveno título da serie 'Mulleres Galegas' que este colectivo desenvolve a través da editora Lela Edicións. O libro vai destinado ao público escolar coa intención de achegar coñecementos sobre a autora á que este ano se dedica o Día das Letras Galegas

Ilustración da publicación de Polo Correo do Vento sobre Xela Arias Polo Correo do Vento

Polo Correo do Vento presenta o noveno título da serie 'Mulleres Galegas'. Nesta ocasión, a publicación céntrase na figura de Xela Arias, autora á que se dedica este 2021 o Día das Letras Galegas.

Baixo o título 'Xela Arias. Liberdade, solidariedade e amor pola lingua', o colectivo pontevedrés narra e ofrece ilustracións, realizadas por Tania Solla, sobre a biografía da escritora nacida en Sarria, adaptada para un público escolar.

Este traballo sae ao mercado editorial por un prezo de cinco euros, ademais Polo Correo do Vento ofrece a opción de tratar no ámbito escolar a figura de Xela Arias cunha actividade de contacontos ilustrado.