Poio lembra a figura de Carvalho Calero cunha variada programación

Poio
29 de outubro 2020

O Centro Cultural Xaime Illa acollerá entre o venres e o sábado varias actividades, entre a que destaca o faladoiro de mulleres que protagonizarán a xornalista Susana Pedreira e a poeta de Combarro Tamara Andrés

A poeta Tamara Andrés Concello de Poio

Un contacontos ilustrado, unha entrega de premios e un faladoiro son as actividades coas que a Concellería de Cultura, en colaboración coa Sociedade Cultural e Deportiva (SCD) Raxó, desenvolverá esta fin de semana para rendir homenaxe á figura de Ricardo Carvalho Calero (1910-1990), con motivo do Día das Letras Galegas.

Cómpre lembrar que este ano, debido á situación derivada da pandemia da Covid-19, foi necesario aprazar todos estes actos conmemorativos do 17 de maio ao 31 de outubro.

A Corporación municipal apoiou de xeito unánime unha moción presentada polo BNG no último Pleno ordinario, a través da cal se solicita que se prolongue ao ano 2021 o Día das Letras Galegas adicado a Carvalho Calero.

O Centro Cultural Xaime Illa de Raxó acollerá xa desde este venres unha actividade a cargo de Polo Correo do Vento. Trátase dun contacontos ilustrado sobre Carvalho Calero, pensado para todos os públicos. A cita será ás 17.30 horas.

Xa o sábado, á mesma hora, terá lugar a entrega dos premios aos gañadores do Concurso Literario Xaime Illa. O xurado, formado por representantes dos colectivos do Consello Municipal da Cultura (as SCD de Raxó e Samieira, Ateneo Corredoira, Boureante e Vides Novas), reuniuse o pasado 26 de outubro para fallar os premiados. Cada un deles recibirá un lote de libros e un premio en metálico de 300, 90 e 70 euros, en función das categorías. No apartado de poesía, as obras mellor valoradas foron as de Candela Martínez Esperón, Adrián Besada Padín e Diego Bará Louro, mentres que en relato curto resultaron vencedores os textos de Noa Ortigueira Valdés e Diego Lago Sánchez.

O peche da programación consistirá nun faladoiro no que participarán a poeta de Combarro Tamara Andrés e a periodista Susana Pedreira. "Queriamos impulsar un coloquio que tivese como protagonistas a mulleres que falan e traballan desde o uso do galego", explica a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez.