Poesía, música e unha filla da figueira de Rosalía renden homenaxe á "autora máis representativa das nosas letras"

Pontevedra
23 de febreiro 2023

A plantación simbólica dunha filla da figueira de tempos de Rosalía de Castro doada pola Casa Museo de Rosalía serviu este xoves de punto de partida da conmemoración do Día de Rosalía na Deputación de Pontevedra. Deu paso a un acto multidisciplinar que combinou poesía, ilustración e música

Conmemoración do Día de Rosalía na Deputación de Pontevedra Deputación de Pontevedra

A plantación simbólica dunha filla da figueira de tempos de Rosalía de Castro doada pola Casa Museo de Rosalía serviu este xoves de punto de partida da conmemoración do Día de Rosalía na Deputación de Pontevedra. Deu paso a un acto multidisciplinar que combinou poesía, ilustración e música. 

A presidenta Carmela Silva; o presidente da Fundación, Anxo Angueira; e as deputadas de Lingua e Cultura, María Ortega e Victoria Alonso, foron as persoas encargadas de sementar simbolicamente nos xardíns do Pazo un exemplar desta variedade, co que a provincia pasa a custodiar esta árbore monumental e senlleira intimamente ligada a Rosalía. É un dos rexistros florais máis prezados de Galicia,. 

O acto, celebrado no Pazo Provincial, foi conducido pola actriz Mónica Camaño e incluíu a lectura dos poemas de  Rosalía 'Diredes d´estos versos, y é verdade', 'Xigantescos olmos, mirtos', 'Silencio!' e 'Tal com´as nubes/Qu´impele o vento…' por parte do Premio Nacional de Poesía Xove Alba Cid.

Para acompañala, e render homenaxe á "autora máis representativa das nosas letras", Alba Barreiro interpretou coa súa arpa os temas de Rodrigo Romaní 'Torres no ar' e 'Albeida'.

De xeito simultáneo, o artista multidisciplinar Marcos Escudero elaborou en directo unha espectacular ilustración en area coa técnica ‘sand painting’.

Ademais, a filósofa, ensaísta, profesora e política Carme Adán foi a encargada de ler o manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) deste ano, do que é tamén autora.

Carmela Silva reivindicou a Rosalía de Castro no seu papel como "unha das primeiras referentes do feminismo en Galicia" e remarcou o "privilexio que temos en Galicia de que unha muller sexa a nosa referente, a nosa matriarca, o noso grande emblema que nos une e identifica".

Manuel Lorenzo, membro da Fundación Rosalía de Castro, agradeceu á Deputación a "inestimable axuda" que presta e reivindicou as multitudes de Rosalía, "a nosa figura referente e a marca de auga que nos representa", destacando "a súa condición feminina e a súa perspectiva de país e de lingua".

A deputada de Lingua, María Ortega, destacou que "Rosalía é a nosa autora de referencia, a máis universal e a que nos axuda a construír a nosa identidade".

A deputada de Cultura, Victoria Alonso, insistiu que "Rosalía de Castro foi unha muller que loitou para abrirse un oco nun mundo no que ás mulleres non se lle cedían espazos".

No acto tamén se entregaron os premios das categorías 'Campaniñas' (de 1º a 3º de Primaria) e 'Paxariños' (Educación Especial) do concurso escolar 'A Nosa Rosalía Feminista', no que a rapazada tivo que elaborar interpretacións feministas de Rosalía, en forma de colaxe. Os centros premiados foron, na categoría de ‘Campaniñas’: o CEIP Mestre Martínez Alonso de Mos (aula de 2º A), que recibiu o 1º premio, e o 2º premio para o CEIP Cruz Budiño do Porriño (aula de 1º), que conseguiu o 2º premio. No caso da categoría ‘Paxariños’ o premio foi parar para o CEE de Vilagarcía de Arousa.