Poesía, fotos e música con Xela Arias como protagonista para reivindicar o galego

Pontevedra
03 de xuño 2021

Pontevedra acolleu hoxe a estrea da programación da Deputación para as Letras Galegas, que se extenderá durante todo o ano baixo o lema 365 días en galego    

Homenaxe 'X Xela', organizado pola Deputación de Pontevedra, na praza da Ferrería Mónica Patxot

Nove mulleres no escenario, cinco músicas da Banda da Loba e catro poetas galegas contemporáneas, cos retratos de Xela Arias como fondo, foron as artífices do acto celebrado hoxe pola Deputación para homenaxear á poeta á que este ano se lle dedican as Letras Galegas. O espectáculo celebrado na praza da Ferraría foi a estrea da programación da goberno provincial que se estenderá ao longo de todo o ano baixo o lema ‘365 días en galego’.

No evento estiveron presentes, ademais da deputada de Lingua, María Ortega, como anfitrioa, a deputada de Cultura, Vitoria Alonso; as representantes do goberno provincial Noemi Outeda, Manuel González e Gregorio  Agís, do grupo do PP, Elena Estévez e Paz Lago;, así como a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carmen Fouces, e integrantes doutros concellos da comarca e entidades relacionadas coa lingua. 

Foi María Ortega a encargada de dar a benvida, felicitándose de que no día de hoxe o tempo permitise o acto –aprazado o pasado 14 de maio pola choiva- e aproveitando tamén para chamar á xente nova a falar o galego de maneira orgullosa como parte da súa identidade, e para destacar a forza e orixinalidade da obra de Xela Arias, sobre a que a Deputación continuará programando eventos ao longo de todo o ano.

O espectáculo comezou cun vídeo da propia Xela Arias lendo un dos seus poemas, unha peza moi singular por ser o único documento audiovisual existente dela sobre a súa obra. Despois chegou a quenda da música e da poesía, que se foron alternando de maneira dinámica virando ao redor da obra da poeta.

Na parte da poesía,comisionada por Tamara Andrés, participaron en vivo Helena Salgueiro, Vanessa Glemsel, Nuria Vil, e Estíbaliz Espinosa en intervencións performance que buscaban a reflexión do público sobre desigualdades sociais e temas de actualidade. 

Na parte da Banda da Loba, os poemas musicados foron escollidos de entre os catro poemarios publicados por Xela Arias: Denuncia do equilibrio (1986), Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003).

As propostas de musicalización que se escoitaron no repertorio foron variadas, desde a transformación dos poemas en cantigas respectando totalmente o texto orixinal da autora -como en Denuncia do equilibrio-, ata composicións dunha letra como a de ‘Tigres coma cabalos’, no que partiron de versos e estrofas tomadas deste poemario para engadirlles a propia achega literaria da banda tentando empregar os recursos fónicos, gramaticais e estilísticos propios de Xela Arias, ata completar a letra do tema musical. 

Segundo explicaron as integrantes da banda, noutras pezas optouse pola liberdade de xuntar algúns dos poemas da autora, como en ‘Darío a diario’, o poema do libro homónimo, no que colleron prestados como apoio algúns versos doutros dous textos; así como para ‘ Hasme oír’, no que teñen cabida catro dos poemas de ‘ Intempériome’, algúns tan breves como ‘Vencerse é cousa/ de tratarse’, versos que daban título ao espectáculo poético-musical que  Xela estaba a preparar no outono de 2003.