Pode Helen Keller devolverlle os soños a Greta Thunberg?

Pontevedra
12 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O Grupo Chévere presentou este xoves 11 de abril no Teatro Principal de Pontevedra o seu novo espectáculo, protagonizado por Ángela Ibáñez, Patricia de Lorenzo e Chusa Pérez de Vallejo. A obra, titulada "Helen Keller, a muller marabilla?", ten dramaturxia, documentación e dirección de Xron

Ponteatro. 'Helen Keller, a muller marabilla?’, do Grupo Chévere Mónica Patxot

O Grupo Chévere presentou este xoves 11 de abril no Teatro Principal de Pontevedra o seu novo espectáculo, protagonizado por Ángela Ibáñez, Patricia de Lorenzo e Chusa Pérez de Vallejo. A obra, titulada "Helen Keller, a muller marabilla?", ten dramaturxia, documentación e dirección de Xron.

Nos últimos quince anos o Grupo Chévere estreou unha serie de pezas que cuestionaron as narrativas oficiais sobre o imperio Zara de Amancio Ortega (Citizen), sobre a crise financeira (Eurozone), sobre a globalización (Eroski Paraíso), sobre a insubmisión do mundo rural (As Fillas Bravas), sobre a unidade nacional, a liberdade de expresión e a España Baleirada (Curva España) ou sobre a cultura do petróleo (N.E.V.E.R.M.O.R.E.). Sempre a través de historias locais nas que se cruzan a memoria colectiva e a nosa experiencia persoal.

Agora afástanse das historias máis ou menos locais e da mirada xeracional, pero manteñen o interese por narrar desde as zonas de fricción entre a memoria colectiva e os relatos oficiais, mantendo a metodoloxía de traballo e as tácticas de creación.

Todo comeza ao descubrir unha muller chamada Helen Keller. Nacida en Tuscumbia (Alabama), convértese nunha celebridade mundial ao ser, segundo as fontes oficiais, a primeira persoa xordocega en obter un título universitario en 1904 en Harvard, despois dun duro proceso de aprendizaxe desde os oito anos. 

Polo menos esta é a parte da súa vida que fica na memoria colectiva, como un exemplo de superación da discapacidade. A maioría dos seus escritos acaban rescatados como simples aforismos motivacionais. Pero ao investigar en varios arquivos dixitais norteamericanos o Grupo Chévere descubre outras facetas desconcertantes da súa vida, que son sistematicamente ocultadas. E o máis sorpredente, nos últimos anos espállase polas redes sociais unha campaña que afirma que Helen Keller é un fake, incluíndo unha petición en charge.org para eliminala da historia.

Isto provoca a curiosidade dos membros de Chévere. Por que se oculta parte da súa vida? A quen lle interesa facelo? Por que queren eliminala da historia? Porque é unha muller, xorda e cega? Por que non se acepta que unha das persoas máis famosas do século XX en EE.UU. sexa comunista? Por que unha muller con discapacidade non se pode converter nunha líder anticapitalista?

Son preguntas que tratan sobre a posibilidade da rebeldía e a disidencia na nosa sociedade. Sobre a posibilidade de ser considerada unha muller marabillosa e ao mesmo tempo poder vivir simplemente como unha muller independente e autónoma. Sobre a posibilidade de aceptar que sexa unha muller xorda quen rache os silencios sociais ou que sexa unha muller cega quen abra os ollos da sociedade diante da inxustiza que nos rodea. Alén diso resoa a posibilidade da utopía entendida como unha función da nosa memoria. Pode Helen Keller devolverlle os soños a Greta Thunberg?

Esta obra teatral é un traballo que cuestiona a in-comunicación entre persoas oíntes e non oíntes, explorando as posibilidades de compartir unha conversa aberta no escenario, como unha silenciosa reivindicación da importancia das linguas minorizadas, do seu uso público e do seu encontro. Por iso integran na mesma obra a lingua falada en galego e a lingua de signos.