PODCAST.- Carlos Risco publica 'Objetos a los que acompaño', pezas que transcenden vidas

Pontevedra
19 de setembro 2024
Actualizado: 09 de outubro

Carlos Risco Ulloa é xornalista de profesión, músico por afección. É ademais portador de dous apelidos que lle fan sobriño neto de Vicente Risco e de Gustavo Ulloa, no seu momento propietario do Pazo de Santa Cruz de Arrabaldo. Charlamos con este ourensán en PontevedraViva Radio con motivo da publicación de 'Objetos a los que acompaño'

Carlos Risco Ulloa, xornalista ourensán José Luis Santalla

'Objetos a los que acompaño' é unha historia escrita, ou máis ben cen historias escritas a pezas que forman parte da vida do autor deste libro, Carlos Risco Ulloa. Unha bicicleta, uns fósforos, unha maleta, unha culler pequena, unha vasoira de espigas, un carrillón de vento, un chapeu, unha regadera, unha tumbona, un bálsamo labial, unha máquina de afeitar, un globo terráqueo, uns binoculares, unha colección de rochas... cousas universais que engaden un significado particular.

Ese significado particular corresponde ao protagonista deste podcast 'Cara a cara'. Carlos Risco é xornalista. Vivía exercendo esta profesión en Madrid, ata que un día decidiu cambiar o asfalto pola terra da Serra de Gredos. Alí decidiu emprender unha viaxe de volta.

Regresou a Ourense, a unha aldea deshabitada, onde actualmente reside. É sobriño neto de Vicente Risco,"pater patriae das letras galegas", engade, e por parte materna pertence "aos últimos Ulloa, o meu tío Gustavo era o propietario do Pazo de Santa Cruz (de Arrabaldo)".

Isto de acompañar aos obxectos ten a súa filosofía: "creo que nós acompañamos ás cousas. Realmente a que non dura é a nosa vida, os obxectos están connosco o tempo propio; porque cando están ben feitos, son herdados, vendidos nos rastros e traspasan xeracións. Iso é o bonito do ben feito". Este libro foi primeiro unha colaboración xornalística durante dous anos en La Región e agora toma este formato.

Entre estes obxectos herdados, comprados, atopados ou regalados, hai algúns cos que recrea a súa faceta de músico, "faime feliz facer cancións", apunta. Así que se nalgunha ocasión paseando polas paraxes de Paderne de Allariz escóitase un piano, son Carlos Risco e os seus acompañantes os que poñen a banda sonora.