Petición expresa de colaboración ao Goberno central para ampliar o Museo de Pontevedra

Pontevedra
28 de xaneiro 2022

Carmela Silva e César Mosquera, presidenta e vicepresidente da Deputación, trasladaron ao delegado do Goberno José Miñones a súa demanda de axuda para a rehabilitación dos edificios centrais e un novo inmoble para acoller a colección de arqueoloxía. O goberno provincial enviou unha carta ao ministro de Cultura, Miquel Iceta, solicitando un encontro persoal para analizar as fórmulas de colaboración co Museo

Carmela Silva e José Miñones na Deputación de Pontevedra
Carmela Silva e José Miñones na Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

Carmela Silva e César Mosquera, presidenta e vicepresidente da Deputación de Pontevedra, enviaron unha carta ao ministro de Cultura, Miquel Iceta, para solicitar un encontro persoal no pedirán unha participación activa no financiamento das obras dos edificios históricos do Museo de Pontevedra, ademais da súa implicación nun espazo que acolla as obras arqueolóxicas.

Este xoves xa trasladaban a súa petición ao delegado do Goberno, José Miñones, durante a súa visita á sede central da Deputación de Pontevedra. Carmela Silva cualificou de moi importante abordar a ampliación do Museo Provincial porque recolle toda a historia patrimonial de Galicia.

A intención do goberno da Deputación é buscar vías de financiamento para poñer en marcha a rehabilitación dos edificios históricos que, segundo sinalan, permanecen practicamente en ruínas, ademais de abordar a ampliación a outro espazo, entre os que se estuda o antigo convento de Santa Clara, recentemente adquirido polo Concello de Pontevedra.

Para a anterior ampliación do Museo coa construción do Edificio Castelao, o Ministerio de Cultura achegou máis de 10 millóns de euros entre os anos 2003 e 2009.