Os pés dun bebé, "un símbolo poderoso do comezo da vida" e un premio para Sara Prieto

Sanxenxo
15 de novembro 2024

Como fotógrafa de bebés, Sara, de Portonovo, explica que para ela capturar eses pequenos detalles ten un gran significado. Gañou o 'I Concurso de Fotografía e Artes Plásticas'

Fotografía premiada de Sara Prieto Sara Prieto

O Colexio Oficial de Podólogos de Galicia fallou o 'I Concurso de Fotografía e Artes Plásticas', cos pés como temática central.

O premio na categoría de fotografía foi para Sara Prieto que, desde o seu estudo de fotografía en Sanxenxo, presentou ao concurso unha imaxe dos pés dun bebé, "un símbolo poderoso do comezo da vida".

Por este traballo, esta fotógrafa de Portonovo recibirá 400 euros.

Como fotógrafa de bebés, Sara explica que para ela capturar eses pequenos detalles ten un gran significado: "representa o fráxil e fermoso da infancia, algo tan efémero que se desvanece rapidamente mentres o bebé crece".

"Os pés, que pronto darán os seus primeiros pasos, simbolizan o inicio dunha viaxe chea de descubrimentos", afirma Sara.

"Esta imaxe conecta aos pais coa dozura destes primeiros momentos e preserva un recordo invaluable dunha etapa única e fugaz na vida do seu fillo ", destaca do seu traballo fotográfico.

O premio na categoría de debuxo/pintura foi para Lola Saavedra, residente en Culleredo, que recibirá outros 400 euros de gratificación.