“Perder o Álbum Nós agora mesmo sería completamente impensable e unha perda irreparable para o Museo”

Pontevedra
19 de xaneiro 2021

A conservadora Ángeles Tilve e o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey, repasan a transcendencia do achado e compra do Álbum Nós e aseguran que "con total seguridade, se saíse ao mercado libre, habería inmediatamente coleccionistas, galeristas ou mesmo institucións que apostasen fortemente por facerse con esta colección"

José Manuel Rey e Ángeles Tilve, en dependencias do Museo de Pontevedra Mónica Patxot

Cando a conservadora Ángeles Tilve viu por primeira vez o Álbum Nós non o podía crer. Abriu un cartafol que lle achegou ao Museo de Pontevedra a familia Lino e o primeiro que viu foi o exlibris de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Dado que dese remate do Álbum hai varias versións, non pensou que fose o orixinal do álbum editado en 1931, pero nada máis pasar á segunda folla deuse conta de que estaba a vivir un momento histórico. "Dixen: é o Álbum Nós". Estaba acompañada por José Manuel Castaño, pois ambos eran naquel momento, en 2016, comisarios da exposición ‘Meu Pontevedra. Castelao 1916-1936’. 

El "mirábame e dicíame: pero son os orixinais, pero son os orixinais. Non o podiamos crer. É algo que estaba xa tan interiorizado que estaba perdido que non pensabas que ías ter a sorte de atopalo e de ser os primeiros en velo en tanto tempo", lembra transcorridos case cinco anos. Acompáñaa o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey, e ambos repasan a transcendencia do achado agora que a familia Lino vendeu á Deputación de Pontevedra toda esa colección, o Álbum Nós orixinal completo. 

A sorpresa foi maiúscula, pois crerían que poderían atopar algunha obra inédita, pero nunca a obra cume do artista, que levaba desaparecida oito décadas. Tamén foi unha sorpresa para a familia. María del Carmen Lino cría que levaban ao Museo "uns debuxos que o seu pai conservara con moito agarimo" e, aínda que sabía que era obra de Castelao, "non tiñan idea da relevancia". 

Nese primeiro encontro de Tilve e Castaño co Álbum, "tan pronto o vimos, vimos que era o orixinal e tiña todas as posibilidades de ser o orixinal que fora reproducido no ano 31". Déronse conta porque durante a década anterior Castelao expuxera as súas láminas con variacións, pero esas que tiñan ante si eran as mesmas do Álbum editado e iniciaron un traballo de estudo "moi concienzudo" para confirmalo, que lles permitiu tamén detectar "algunhas diferenzas que eran descoñecidas".

O achado puxo fin a 80 anos de procura dos orixinais do Álbum Nós, aos que se perdera a pista en 1929. Segundo Ángeles Tilve, a última referencia que tiñan era do ano 1929, cando se valorou expoñelo no Museo, pero Castelao non quixo porque no edificio Castro Monteagudo habería que expoñelo nunha especie de atril e "non lle acabou de convencer e non o expuxo". 

A partir de aí, silencio e especulacións, pois sobre a desaparición desta colección especulouse un posible roubo, un espolio ou mesmo que os orixinais foran queimados. Castelao, moi prolífico na súa correspondencia, e que durante a edición do Álbum enviou moitas cartas facendo referencia á emoción que sentía ao velo impreso, "curiosamente non volveu nunca máis a mencionalo" e nas seguintes exposicións das súas famosas láminas en lugares como Rusia expuxo os libros editados, non os orixinais. 

"Houbo moitas teorías de onde podía estar, de onde non podía estar", recoñece Tilve, que si sabe que o Álbum non estaba no domicilio de Castelao no ano 1937, cando a Castelao fixéronlle un proceso por responsabilidades políticas e incautaron todos os seus bens para pagar a multa imposta. Todos se depositaron no Museo de Pontevedra con idea de poxalos e, sobre estas láminas "houbo moitas teorías que logo se demostrou que non eran certas"

"Con estas cousas sempre pasa isto, que está aberto aí un mundo. O típico de agora, as teorías conspiranoicas, pois é un pouco o mesmo. Afortunadamente non estaba destruído e púidose recuperar", sinala Tilve, que tamén asegura que, a pesar desas especulacións, non teñen ningunha dúbida da versión achegada pola familia Lino de que foi un agasallo de Castelao ao seu avó. "Nese sentido, non hai nada, a versión da familia é perfectamente coherente coa realidade social de Pontevedra nese momento", profunda o director do Museo. 

"A vinculación persoal do pai desta señora con Castelao era moi estreita, moi íntima, participaron en moitos dos proceso intelectuais importantes que se deron na Pontevedra dese momento, compartiron inicialmente inquietudes políticas aínda que acabaron separándose, tiveron unha vinculación moi estreita e entra dentro da lóxica que a historia fose realmente así", insiste José Manuel Rey

Cando en 2016 Tilve e Castaño trasladaron á familia a importancia das láminas que gardaban "descoñecían por completo a polémica que había ao redor do tema". Segundo lembra Tilve, "viñeron coma se trouxesen outra cousa, non había ningún secreto nin nada". Os exemplares estaban gardados "con agarimo" e están "case en perfecto estado", nas láminas tan só vese algo de foxing, "un proceso químico que afecta o papel" totalmente normal. 

Por ese transfondo, precisamente, e porque sabía que o achado espertaría gran interese entre a prensa, preferiu que non se dixese o seu nome. Aos responsables do Museo non lles estrañou esta petición de anonimato, porque "nas exposicións temporais moitísimas veces aparece como colección particular porque hai xente que non quere que figure o seu nome". 

O sixilo mantívose ata que se formalizou a venda da colección á Deputación e, por transparencia, o nome aparecería en rexistros públicos. Foron os propios fillos da propietaria os que saíron e explicaron que Castelao regaloullo ao seu avó e, tras unha cesión temporal ao Museo, decidiron venderllo a esta institución a pesar de ter outras ofertas para garantir que a obra queda en Pontevedra. 

A propia familia contactou co Museo cando estaba a piques de vencer a cesión temporal de dereitos que realizaron en 2016 e trasladáronlles que lla venderían. Nese momento, "ponse en marcha toda a maquinaria interna do Museo, a efectos de valoración, de difusión, de idoneidade, de momento, de oportunidade e da necesidade de levar a bo porto esta adquisición". Ocorreu entre finais de outubro e principios de novembro e o 4 de novembro a posible compra xa foi ao Consello Asesor da institución, que a apoiou, pois "é unha obra capital".

Non transcendeu ningún nome das institucións interesadas en adquirilo, pois tan só a fama podería revelalos, pero Rey si insiste é que "con total seguridade, se esta obra saíse ao mercado libre, habería inmediatamente coleccionistas, galeristas ou mesmo institucións que apostasen fortemente por facerse con esta colección polo valor tan importante que ten desde o punto de vista artístico, intelectual e político". 

Unha obra artística "vale o que alguén está disposto a pagar por ela e por esta obra sen dúbida habería opcións de sacalo por máis", asegura o director do Museo. As 51 láminas adquiríronse por 650.000 euros, unha valoración "totalmente axustada", pois Rey recoñece que "pode parecer moito diñeiro, pero realmente non está sobrevalorada en absoluto" cando, por exemplo, outras láminas de Castelao xa teñen unha valoración máis alta e o Álbum Nós ten o "valor de obra completa". 

Rey insiste, ademais, que de venderse a outra institución "sería unha verdadeira traxedia", en especial despois de formar parte da colección do Museo. "Se esta obra aparecese agora mesmo, fose unha competencia lícita entre distintos compradores e alguén o levou, pois que lle imos a facer?, doeríanos moito porque sería unha falta my grande no discurso ou o relato que se fai no Museo sobre a figura de Castelao, pero non é o mesmo que estivese exposta xa na colección permanente", explica. "Unha vez que xa estivo aquí, que interactuou co resto da obra de Castelao, que desaparecese agora mesmo sería completamente impensable e sería unha perda irreparable para o Museo".

Ángeles Tilve valora que atopalo xa foi "unha gran alegría, unha sorpresa enorme" e que agora forme parte da súa colección permanente supón "ter representada a obra fundamental de Castelao". Estas 51 láminas son "obras excepcionais, a obra coa que se consagrou mesmo a nivel artístico" e a súa proxección exterior. Ademais, a súa suma aos tres Álbums de Guerra, de modo que no Museo está "o compendio da gran obra de Castelao".

José Manuel Rey engade que "a exposición tal e como está concibida agora", cun "diálogo entre as dúas grandes obras de Castelao, os de Guerra e o Nós", permiten "xerar un relato moi concreto sobre a evolución, a transformación do pensamento e da obra de Castelao ao longo do tempo". 

A súa intención agora é levar esa obra ao exterior, tentar que Castelao, que "ten un capital simbólico moi importante en Galicia polo que significou", teña "maior visibilidade" fóra. En plena pandemia e coa obra recentemente adquirida aínda non puideron definir unha folla de roteiro, pero si están convencidos de que é un artistas que nos próximos anos terá "bastante difusión" fóra da comunidade, en especial en pleno auxe da ilustración, unha disciplina na que "é indiscutible que é unha das grandes figuras españolas".

A propiedade intelectual do Álbum é de Francisco Javier Baltar, propietario de todos os dereitos de propiedade intelectual de toda a obra de Castelao e, en caso de realizarse reproducións, é necesario que el autorice, pero non era preciso consultarlle a adquisición porque "era propiedade dunha familia que o tiña a través dun legado familiar e estaba en posesión", segundo Rey. Tilve engade que a única tramitación especial que houbo que realizar fíxose ante a Xunta de Galicia. 

A obra material e inmaterial de Castelao é ben de interese cultural, de modo que era necesario pedir autorización á Xunta para un cambio de propiedade, pois "sempre tería dereito de tanteo e retracto de obra". Neste caso, rexeitou compralo.