Pel e Pau, La casa de los ingleses e Emilio Rúa, música para todos os gustos

Pontevedra
15 de agosto 2020

Na noite deste sábado continuarán os concertos da programación de Pontevedra Vívese nas Festas da Peregrina con Mordoch na praza da Ferrería; Daniel Minimalia na praza de España e Pablo Lesuit nas pistas de Campolongo. Todos comezarán ás 22.30 horas e mantendo estritas medidas de distanciamento e seguridade sanitaria

Concerto de La casa de los ingleses Cristina Saiz

A noite do venres deixou en Pontevedra sons variados en tres puntos da cidade dentro da programación de Pontevedra Vívese nas  Festas da Peregrina 2020.

A banda pontevedresa La Casa de los ingleses ofreceu o pop indie máis estimulante na praza da Ferrería ante numeroso público que segue a este grupo desde o seu primeiro traballo 'Punto de partida' e que levan unha década subíndose aos escenarios.

Na praza de España, á mesma hora, Pel e pau ofrecía un recital de música tradicional. Esta banda presenta o seu último traballo discográfico que leva por título 'Na beira'. A agrupación viguesa fixo vibrar os espectadores que mantiveron as estritas medidas de distanciamento e seguridade sanitaria.

Nas pistas de Campolongo, a actuación correu a cargo do compositor de Ourense Emilio Rúa. Neste caso, a música máis intimista deste intérprete que gravou temas con artistas da talla de Pablo Milanés, Rozalén, Carlos  Goñi, Solé Giménez ou a galega Rosa Cedrón congregou a pouco público nunha noite na que se notaba a baixada de temperaturas.

Este sábado 15, día festivo, continuarán os espectáculos infantís na Alameda con 'O Cardume' de Xarope Tulú na Alameda a partir das 19.30 horas e co Rei Midas no Parque de Amalia Álvarez a partir das 20.00 horas.

Os concertos desenvolveranse nos espazos habituais. Ás 22.00 horas comezará o de  Moloch na praza da Ferrería, unha banda que realiza música progresiva e experimental. Ás 22.30 horas, o guitarrista Daniel Minimalia subirá ao escenario da praza de España ofrecendo temas do seu álbum 'Orixe', que foi  candido aos premios  Grammy latinos ao mellor disco instrumental. 

E nas pistas de Campolongo, o artista galego Pablo Lesuit, un músico multi-instrumentista, cantante e compositor presentará os seus últimos temas ao público asistente neste tramo final da semana grande das Festas.

Arquivado en