Pablo Prado e Miguel Rojo, por "Nerea. O príncipe da sorte", gañan o certame de banda deseñada do Garaxe Hermético

Pontevedra
27 de xaneiro 2021

Elaborada durante os meses de confinamento estrito, a obra narra, en clave de humor, un tema moi de actualidade como é a prevención da saúde

Fragmento dunha viñeta de Nerea. O Príncipe da Sorte, obra gañadora do certame de banda deseñada do Garaxe Hermético O Garaxe Hermético

Pablo Prado e Miguel Rojo son os gañadores da segunda edición do premio de banda deseñada que organiza O Garaxe Hermético. Nerea. O príncipe da sorte, é o título da obra premiada e que publicará Xerais esta primavera. 

O conxunto creado polo guion de Rojo e os debuxos de Prado convenceu ao xurado, que destacou a atractiva proposta gráfica da obra, dacabalo entre a liña franco belga e a estética cartoon dos actuais debuxos animados.

Os encargados de xulgar os traballos foron Miguel Porto, Fernando Iglesias (Kohell) e Kiko da Silva, por parte do Garaxe Hermético; ademais de Anaír Rodríguez e Fran Alonso, en representación de Xerais. O ritmo narrativo da historia, así como a súa composición de páxina dinámica e atractiva contribuíron a decantar a balanza ao lado da dupla triunfadora.

Trátase dunha historia de aventuras con doses de humor e cunha temática moi de actualidade. Creada durante os meses de confinamento estrito, narra as vivencias dunha nena que cae nun charco e, a partir de aí, desenvolve un relato centrado na prevención da saúde.

O debuxante Pablo Prado xa recibira o premio de fin de curso do Garaxe Hermético por O derradeiro libro de Emma Olsen, que adapta á banda deseñada a novela homónima de Berta Dávila. Tamén puxo imaxes a Os berros da motocicleta, con guion de Kiko da Silva, que conta a vida da represaliada Xosefina Arruti e publicada polo Concello de Pontevedra.

O guionista Miguel Rojo, ex alumno da segunda promoción do curso profesional de sábados e colaborador da revista A viñeta de Schrodinger, acaba de rematar a súa primeira novela gráfica, que sairá publicada por Retranca a finais de ano.