Os videoxogos pisarán con paso firme no Culturgal

Pontevedra
27 de novembro 2019

A primeira xornada do Culturgal, que se celebrará este venres día 29, acollerá a celebración da I Xornada do Videoxogo, que pretende ser un espazo común no que se atopen entre si as empresas do sector e o público que consume este tipo de produtos culturais

Videoxogos Imaxe de Anthony Ashley en Pixabay

Tras anos no que os videoxogos tan só asomaran o nariz no Culturgal, a edición do 2019 dará moito máis protagonismo a un sector que está a revolucionar a creación cultural en Galicia.

A primeira xornada do Culturgal, que se celebrará este venres día 29, acollerá a celebración da I Xornada do Videoxogo, que pretende ser un espazo común no que se atopen entre si as empresas do sector e o público que consume este tipo de produtos culturais.

Será un foro aberto a todas as persoas interesadas, segundo traslada a organización, que apunta que no Recinto Feiral de Pontevedra haberá empresas e proxectos destacados que exporán o traballo ao redor do videoxogo en Galicia, ofrecendo postos na feira, demos e presentacións dirixidas a todas as idades.

Esta xornada, que comezará ás cinco e media da tarde, quere ser unha posta en común de experiencias e coñecemento relacionados coas últimas tendencias do sector desde unha perspectiva profesional e técnica.

Profesionais das diferentes áreas de traballo desta industria compartirán cos asistentes experiencias e coñecemento de utilidade sobre diferentes aspectos técnicos, empresariais e legais do desenvolvemento dos videoxogos.

A xornada, que abrirá Manuel Meijide, vicepresidente de Videoxogo.gal, e Jacobo Sutil, director da Agadic, incluirá unha mesa redonda sobre o estado do videoxogo galego ás portas do ano 2020 e a presentación de proxectos como The Waylanders, Minimundos, Sea Bubble, Proxectos da Universidade (Odal), Revista Morcego e MUVI.

Pola súa banda, na propia feira un grupo de empresas dedicadas ao videoxogo contará coa súa área expositiva. O público de Culturgal atopará un espazo de cultura interactiva con demos, presentación de proxectos, equipos de desenvolvemento e un convite a participar e probar produtos feitos en Galicia.

A programación do Culturgal incluirá ademais o sábado 30 e o domingo 1 obradoiros de robótica, o público poderá gozar dos simuladores de realidade virtual da compañía portuguesa WavefunctionVR e no Espazo de Arte Contemporánea estará XOIA, empresa dedicada tamén á realidade virtual e aumentada en proxectos expositivos e artísticos.