Os "novos valores" da arte galega expoñen as súas obras no Edificio Sarmiento

Pontevedra
08 de xullo 2021

As catorce pezas escollidas polo xurado profesional do certame Novos Valores xa se poden contemplar desde este xoves en Pontevedra. Entre eles, están os traballos dos gañadores das bolsas da edición de 2021: Rebeca Lar, Adrián Solleiro, Diego del Río e Daniel Cerecedo

Inauguración da mostra Novos Valores 2021 Deputación de Pontevedra

As catorce pezas escollidas polo xurado profesional do certame Novos Valores xa se poden contemplar desde este xoves en Pontevedra. Entre eles, están os traballos dos gañadores das bolsas da edición de 2021: Rebeca Lar, Adrián Solleiro, Diego del Río e Daniel Cerecedo.

A mostra estará aberta ata o 12 de setembro no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra.

O director do Museo, José Manuel Rey, destacou que as pezas premiadas foron elixidas por unanimidade e segundo manifestou o xurado tras a selección, estas presentaron "cargas conceptuais e reflexións importantes", ademais de ser variadas na súa temática.

Os artistas que recibiron a bolsa agradeceron o recoñecemento ao seu traballo ao entender, segundo Rebeca Lar, "que en moitas ocasións sen este apoio non poderiamos seguir creando". Diego del Río engadiu que agarda que esta oportunidade "nos abra moitas portas".

A viguesa Rebeca Lar participa na mostra coa pintura "Sen título (sobre paseos e arrepentimentos)", que reflexiona sobre a paisaxe e aborda tres cuestións: os conceptos de arrepentimento e paseo e a idea do proceso artístico.

Nela, explicou a autora, "quixen establecer un xogo conceptual coa figura do arrepentimento, ese proceso que aparece unha e outra vez na historia da arte como unha sorte de corrección das pinturas que é visible no resultado definitivo".

A escultura "Reflexión" de Adrián Solleiro (Tui) é unha peza figurativa modelada cuxa imaxe que "xoga" cun espello, a través dunha ilusión óptica que xera ver o molde dun rostro.

"O espectador, pola proximidade da figura ao espello, só pode ver o rostro no reflexo e, axudado pola pintura, pode chegar a percibir esa sensación estraña de dubidar se está en positivo ou en negativo, como se fora dun holograma”, abonda o autor.

Diego del Río, natural de Ferrol, conseguiu a bolsa de Novos Valores grazas á obra "Ras al Habout II", unha continuación da peza presentada na edición de 2019. Trátase dunha serie de 21 cadros de 50x25 de pintura ao óleo sobre soporte de aluminio.

Nela, busca con ela indagar na experiencia das viaxes do artista a Marrocos e Varese "como acto de resistencia ante o novo individualismo".

Finalmente, Daniel Cerecedo (A Pobra do Caramiñal) conseguiu tamén unha bolsa grazas á obra "Picasso y Richter (después de)", que ten a súa orixe na competición artística entre Zuxis de Heraclea e Parrasio de Éfeso para determinar cal era o mellor pintor do momento.

O autor simula un concurso similar de maneira ficticia e actualizada, no que se propón o reto de realizar obras baseadas en Picaso e Richter sen empregar pintura (a través da tecnoloxía) e enfrontar aos dous artistas a unha imaxe xerada coa computadora, un código QR.