'Os mundos de Carlos Casares' espállanse polo Museo de Pontevedra

Pontevedra
08 de novembro 2017

Inaugurase en Pontevedra a mostra itinerante sobre o lado máis íntimo do escritor ao que se lle dedicaba o Día das Letras Galegas 2017

Exposición "Os mundos de Carlos Casares" no Sexto Edificio do Museo Mónica Patxot

Unha exposición itinerante que recolle o lado máis íntimo do escritor ourensán Carlos Casares chega ao edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra promovido pola Fundación Carlos Casares co apoio da Xunta de Galicia. A mostra permanecerá aberta ata o 26 de novembro.

Durante a presentación interviñeron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o deputado provincial responsable de Cultura, Xosé Leal; a concelleira do goberno local de Pontevedra, Carme da Silva; Christian Casares, fillo do autor e a comisaria Chus Martínez. Todos eles destacaron a importancia dun home que non só destacou como escritor senón como xestor cultural, colaborador en prensa escrita ou na súa faceta política. 

A mostra é un achegamento transversal á figura do escritor de 'Vento ferido' con 800 pezas de distinta natureza, segundo expuxo Chus Martínez, na que se poden atopar desde libros ata fotografías, cartas ou distintos materiais do arquivo familiar do autor ao que este ano se dedicaba o Día das Letras Galegas. Explicou que a mostra se adapta perfectamente ás salas do Museo a través dunha montaxe especial no que se combina todos aqueles elementos que interesaban ao escritor percorrendo mesmo ciencia e tecnoloxía.

Christian Casares manifestou que estaba orgullos de que a exposición chegue a Pontevedra, cidade na que reside e onde dirixe a delegación de La Voz de Galicia e á que, admitiu, estaba vinculado o seu pai con cuxa figura se cruza todos os días ao pasar ante o grupo escultórico da praza de San Xosé. 

A mostra conta cun soporte audiovisual, ademais de diferentes paneis textuais explicativos sobre a súa vida e obra, que permite analizar a historia de Galicia durante as últimas décadas.

Carlos Casares foi membro numerario da Real Academia Galega (RAG) ata o seu falecemento no ano 2002 e o seu traballo como narrador convértelle nun dos máximos referentes da literatura galega do século XX. Foi director da editorial Galaxia e presidente do Consello da Cultura Galega entre 1996 e 2002.

Tras pasar por Pontevedra, esta mostra viaxará a Lugo para finalmente instalarse permanentemente en Xinzo de Limia.