Os Concertos Feroz, o aperitivo á "cidade de cinema" que será Pontevedra

Pontevedra
29 de xullo 2024

Dez bandas e artistas locais tomaron as principais prazas da cidade para ofrecer actuacións nas que, entre outros temas, interpretaron versións de cancións populares tras ser banda sonora de películas na gran pantalla

Concertos Feroz

Quedan seis meses para que os Premios Feroz cheguen a Pontevedra, pero esta fin de semana xa tivemos certo aperitivo en formato musical. Foi cos Concertos Feroz, unha das propostas incluídas nas Festas de Verán.

Dez bandas e artistas locais tomaron as principais prazas da cidade para ofrecer actuacións nas que, entre outros temas, interpretaron versións de cancións populares tras ser banda sonora de películas na gran pantalla. 

Así, esta proposta incluíu o espectáculo de contos musicalizados de Conto nas Verzas que, nesta ocasión, fixo unha versión cancións da factoría Disney; ou o concerto de Zeltia Irevire, que ademais de temas propios interpretou "Falling slowly", da película Once.

Cora Velasco, pola súa banda, atreveuse entre outras con versións de "Suspiros de España" (Soldados de Salamina) e "Volver" (Volver), nunha xornada do sábado na que tamén actuaron Futuro Alcalde e os irmáns Visi.

A sesión dominical arrancou con Helena Egea, que deu o seu toque blues a "Love Theme", banda sonora de El Padrino, "Son of a preacher man" (Pulp Fiction) ou "Negra sombra" (Mar Adentro); e Dalsi fixo o propio con Me voy de camino a Marte ou "Rosas" de El sueño de mi vida.

Unha das actuacións máis peculiares foi a de Flip Corale & Antonio Cafre, que fixeron súa o "¿Por qué te vas?" de Jeanette, incluída na película Cría cuervos de Carlos Saura ou "Algún día caeré" de Los Cafres, que forma parte parte da banda sonora da serie Fariña.

Ademais, A Banda Senlleira de Robacallos e Odiosos 5 puxeron o broche de ouro a esta primeira edición dos Concertos Feroz, que tivo unha gran acollida entre o público.