Os autores de tres esculturas e unha colección fotográfica gañan o certame Novos Valores 2020

Pontevedra
14 de outubro 2020

Andrea Dávila Rubio, Nuria Rodríguez Figueiredo, María del Mar Ramón Soriano e Alejandro Rego Díaz levan unha bolsa de 7.500 euros para continuar os seus estudos

Xurado do Novos Valores 2020 Deputación de Pontevedra

Andrea Dávila Rubio, pola peza I wish you’d rub your quills against my stomac; Nuria Rodríguez Figueiredo, pola obra Voltar; María del Mar Ramón Soriano, polos seus Homeworks; e Alejandro Rego Díaz, pola colección fotográfica Representación nº3. A man do artista, son os artistas seleccionados polo xurado da edición do 2020 do certame Novos Valores para conceder as catro bolsas de estudos valoradas en 7.500 euros.

As tres primeiras son creacións escultóricas, mentres que a restante é unha composición fotográfica.

O director do Museo de Pontevedra valorou especificamente as memorias presentadas sobre os procesos creativos de cada unha das pezas así como o destino que cada un dos autores dará ás bolsasO xurado quixo subliñar que a elección foi complexa pola calidade dos participantes, menos numerosos que en anos anteriores pero todos presentaron propostas "moi interesantes" nas diferentes disciplinas artísticas.

Ademais dos catro triunfadores, a exposición de Novos Valores 2020, que se abrirá este xoves e permanecerá aberta no Sexto Edificio ata o 15 de novembro, contará con outras 17 pezas elaboradas polos participantes, que na súa maioría foron mulleres. 

A obra de Andrea Dávila é unha creación de resina, poliéster, fibra de vidro e aceiro que examina a relación entre corpo pel e escultura. A creación de Nuria Rodríguez está elaborada a base de cerámica vidriada e evocan a un altar cheo de elementos e símbolos que retraen ao público a unha infancia perdida. A escultura de María del Mar Ramón mestura cerámica e tarros de cristal e está centrada no tempo, a forma de empregalo e a contraposición entre o industrial e o artesán.

Finalmente, a composición de Alejandro Rego Díaz son unha serie de nove fotografas realizadas entre os anos 2018 e 2019 que pretenden facer reflexionar sobre a natureza da mirada humana ás obras de arte e de como esta pode afectar á forma de mirar o mundo real.