Onda vital! Unha exposición no Museo sobre a serie Dragon Ball

Pontevedra
02 de abril 2023

O Edificio Sarmiento acolle ata o vindeiro domingo 9 de abril unha exposición sobre a serie Dragon Ball que foi cedida polo coleccionista galego Felipe Santiago Montero  

Unha exposición no Museo sobre a serie Dragon Ball Museo de Pontevedra

O Edificio Sarmiento acolle ata o vindeiro domingo 9 de abril unha exposición sobre a serie Dragon Ball que foi cedida polo coleccionista galego Felipe Santiago Montero. 

"Onda vital: cels da serie Dragon Ball", mostra un centenar de CELS (filminas de plástico coloreadas a man con augada) que realizaron en Toei Animation para as distintas series de Dragon Ball. 

Pódense ver CELS finalizados cos personaxes e os fondos. Tamén os debuxos preparatorios coas indicacións para os coloristas e estudos de personaxes para os animadores. 

A mostra complétase con primeiras edicións en xaponés e español dos mangas, edicións en Láser Disc do anime e esculturas de poliuretano e resina policromada dos protagonistas da serie.

Dragon Ball, o manga e anime creado por Akira Toriyama en 1984, é sen dúbida una das series máis influentes para varias xeracións de creadores de cómic e animadores. O manga tivo 519 capítulos impresos recompilados en 42 volumes tankōbon. Dous anos despois do seu lanzamento, Toei Animation estreou unha adaptación anime. 

En Galicia foi ademais un dos maiores éxitos do mítico programa da TVG Xabarín Club, emitindo todos os capítulos do anime por primeira vez en todo o estado o 8 de febreiro de 1990 baixo o nome As Bolas Máxicas. 

Moitos consideran a emisión en galego de leste anime como un dos maiores logros da normalización lingüística que houbo no noso país.