Obras de Juan Goytisolo, Mohamed Chukri e Ángel Vázquez centrarán un curso da UNED sobre literatura entre fronteiras

Pontevedra
13 de decembro 2023

Esta iniciativa formativa será impartida en liña, en directo ou en diferido, os días 18 e 19 de decembro sen necesidade de acudir ao centro de Monte Porreiro. Neste curso analízase a multiculturalidade a través da relatora Almudena Otero Villena, doutora en Filoloxía e licenciada en Xornalismo

Sede da UNED en Monte Porreiro UNED Pontevedra

'Literatura entre fronteiras: Tánxer e a escritura híbrida' é o título do curso que se desenvolverá os días 18 e 19 de decembro en horario de 18.00 a 20.00 horas, organizado pola UNED en Pontevedra e que será impartido en liña, en directo ou en diferido, desde a sede do centro de estudos situado en Monte Porreiro.

Coordinado por Rafael Cotelo Pazos, responsable do Departamento de Extensión Universitaria e Actividades Culturais, contará como relatora con Almudena Otero Villena, doutora en Filoloxía e licenciada en Xornalismo. 

Diríxese especialme a estudantes de Literatura, Historia, Antropoloxía e, en xeral, a persoas interesadas na historia de Tánxer e en literaturas transnacionales.

Está previsto que se analicen as obras de autores vinculados á cidade do norte de Marrocos como é o caso de Mohamed Chukri, Juan Goytisolo e Ángel Vázquez.

Desta forma revisarase a literatura centrada en ambientes de barrios baixos con referencias explícitas ao sexo e ás drogas do controvertido autor marroquí Mohamed Chukri, nacido no Protectorado Español preto de Melilla. A súa obra estivo prohibida polo Ministerio do Interior de Marrocos desde os anos 80 ata o 2000.

Tamén se tratará a 'Reivindicación del Conde don Julián', de Juan Goytisolo no que defende a figura de Don Julián por facilitar a conquista árabe de España no século VIII para vingar a presunta autoría de Rodrigo, o último rei visigodo, no abuso sexual dunha das fillas do protagonista da novela.

Na sesión inicial estudarase 'La vida perra de Juanita Narboni', obra de Ángel Vázquez, na que retrata a vida dunha protagonista de pai gibraltareño, nai andaluza e rodeada de amigas hebreas sefarditas.