"En aras de aumentar a calidade do certame e de cumprir rigorosamente coas novas bases aprobadas", o xurado de 'Novos Valores' do Museo de Pontevedra unicamente elixiu hoxe 21 pezas das 38 presentadas este ano para formar parte da exposición que se celebrará entre o 15 de outubro e o 15 de novembro no Sexto Edificio.
O comité seleccionador tiña a posibilidade de elixir un máximo de 25 obras, que debían escoller tras unha inspección visual das fotografías que as persoas autoras presentaran na memoria do seu traballo.
Debido a que algunhas das propostas non se atiñan ás características autorizadas foron directamente excluídas.
Os nomes dos artistas elixidos non se coñecerán ata o venres 11 de setembro, unha vez o servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación asocie os códigos numéricos que tiña cada unha das pezas (presentadas anonimamente) cos datos das persoas autoras. O listado de 21 artistas que formará parte da exposición deste 2020 publicarase o venres na web da Deputación e do Museo de Pontevedra.
Ademais da reunión que se celebrou este xoves no edificio Fernández López, o xurado volverá citarse o vindeiro mes de outubro para inspeccionar fisicamente cada unha das pezas xa instaladas dentro da exposición do certame no Sexto Edificio. Será entón cando se seleccionen as catro creacións máis significadas, merecedoras das catro bolsas de estudos de 7.500 euros outorgadas polo Museo.
Os cambios son unha das principais características de 'Novos Valores 2020'. De feito, modificáronse as bases en canto ás características das obras, tamén o protocolo de selección, así como os requisitos das persoas candidatas, limitando a 35 anos a idade máxima permitida.
O xurado desta edición está formado por Césár Mosquera como presidente, Carlos Cuadrado –secretario da Deputación- como secretario, e como vogais José Manuel Rey García, director do Museo Pontevedra; María Asunción Rodríguez Rodríguez, directora galería Trinta e Académica de Número da Real Academia Galega de Belas Artes na sección de Expertos en Artes; Itziar Ezquieta Llamas, artista plástica e docente na Universidade de Vigo; Carmen Hermo Sánchez, artista e docente; Agar Ledo Arias, historiadora da arte e investigadora, integrante do Departamento de Coleccións do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid; e o artista Alfonso Costa Beiro.