O 'vello profesor' será homenaxeado na súa cidade cun amplo programa de actividades

Pontevedra
24 de febreiro 2015

A Deputación, e polo tanto o seu Museo, do que foi director entre 1940 e 1986, levará a cabo, a súa propia homenaxe a Filgueira cun completo programa de exposicións e actividades que se centrarán durante os meses de abril e maio nos espazos do Museo e que se estenderán por toda a provincia durante o resto do ano

Filgueira Valverde con Manuel Fraga Real Academia Galega

Neste ano 2015 o autor homenaxeado no Día das Letras galegas será Xosé Fernando Filgueira Valverde. A Real Academia Galega decidiu dedicar a efeméride ao historiador, escritor, político e etnógrafo nacido en Pontevedra, que investiu boa parte da súa vida na cultura galega, na súa cidade natal e moi especialmente, no Museo de Pontevedra.

A Deputación, e polo tanto o seu Museo, do que foi director entre 1940 e 1986, levará a cabo, a súa propia homenaxe a Filgueira cun completo programa de exposicións e actividades que se centrarán durante os meses de abril e maio nos espazos do Museo e que se estenderán por toda a provincia durante o resto do ano.

A deputada Ana Isabel Vázquez, o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, e o presidente da Fundación Filgueira Valverde, Fernando Filgueira, presentaron este martes esta programación que inclúe unha Exposición antolóxica sobre Filgueira Valverde do 24 de abril ao 24 de maio nas Salas de exposicións temporais, do Sexto Edificio.

Unha vez clausurada esta mostra no Edificio Sarmiento inaugurarase no mes de xuño unha exposición sobre traxes tradicionais galegos: Vestidos con pincel, cosidos con agulla.

A programación tamén inclúe un Concerto de Germán Díaz: "Método cardiofónico", será o 18 de abril, ás 20:00 horas na Zona acristalada do Sexto Edificio. Un peche perfecto tamén para a exposición que se mostrará no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra dende o 19 de marzo ao 12 de abril, dedicada ao músico e tamén investigador Faustino Santalices, "Ciencia da Gaita, consciencia da zanfoña. Tradición Musical Galega".

A obra "Agromar" escrita por Xosé Filgueira Valverde e publicada en maio de 1936 baixo o pseudónimo de J. Acuña será posta en escena por primeira vez polo grupo de teatro afeccionado Arume o 16 de maio, ás 19:00 horas no Salón de actos do Sexto Edificio. Nesta obra, o autor, fai unha defensa e chamamento á salvagarda da tradición e os costumes auténticos da rural fronte á modernidade do espazo urbano. Empregando como voz e protagonistas os nenos.

Os actos polo Día das Letras Galegas inclúe un Ciclo Música Antiga nas Ruínas de Santo Domingo, para os días 3 e 4 de xullo, ás 22:00 horas. A inclusión deste acto débese a que a lírica medieval foi tema de estudo de Filgueira e así plasmouno na súa tese doutoral de 1936, realizada sobre unha das Cantigas de Alfonso X o Sabio.

Ademais prevíronse unha serie de Visitas guiadas, co nome xenérico de "Filgueira nas coleccións do Museo de Pontevedra", previstas para os meses de abril e maio no Sexto Edificio. Así como visitas guiadas á exposición de Filgueira Valverde.

Tamén se propoñen dúas actividades para nenos e para adultos: o Xogo dos Seis e O diario secreto do Museo. O primeiro é un xogo de mesa xigante inspirado nas coleccións do Museo de Pontevedra, pensado para o día 16 de maio, de 17 a 19 horas, con inscrición previa. O segundo é un xogo de busca para adultos a través do Sexto edificio que mestura fantasía e realidade para unha noite máxica como a do 16 de maio ás 22 horas, con inscrición previa.

A Real Academia Galega celebrará no Museo de Pontevedra, o mesmo Día das Letras Galegas a súa sesión plenaria cun acto científico no que tomarán parte todos os académicos.

Finalmente haberá unha entrega gratuíta de libros no Día das Letras Galegas, o 17 de maio, de 10 a 14 horas, a cargo do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico. Serán publicacións en lingua galega e o regalo, aberto a todo o público.

EXPOSICIÿN ITINERANTE

Co fin de difundir e achegar a figura de Filgueira Valverde a todos os puntos da provincia, a Deputación e o Museo de Pontevedra e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, organizarán unha exposición en paneis sobre a súa vida e contribución á cultura galega, que percorrerá varios concellos ao longo deste ano 2015. Entre os lugares que acollerán esta mostra estarán: Lalín, Redondela, Mondariz Balneario, Cambados, A Estrada, Vigo, O Porriño e Marín.

Arquivado en