Jesús Castro Yáñez converteuse no gañador da primeira edición do Certame de Relato Breve Nélida Piñón, organizado grazas á colaboración conxunta entre Concello de Cotobade, Consellería de Cultura e Educación e Deputación de Pontevedra.
A súa obra, O vello e o Minotauro, conquistou ao xurado composto por Fina Casalderrey, Carmen Villarino e Armando Requeixo, cuxo fallo de mediados de marzo se deu a coñecer este martes nunha rolda de prensa.
En total presentáronse 180 orixinais e, tras unha longa deliberación, o xurado decidiu outorgar o galardón a Castro Yáñez, se ben tamén recomendou publicar outros dous relatos. O vello e o Minotauro é a reescrita do mito clásico que vencella a Teseo, a voz protagonista, con Ariadna e o Minotauro. A atmosfera que recrea o relato vese impregnada dun forte simbolismo e un tecido conceptual e alegórico que consegue deseñar unha arquitectura na que predomina a harmonía, a contención e a dosificación na intriga.
UN IMPULSO Á LINGUA NA ESCRITA E UNHA HOMENAXE
Convocado por primeira vez, o obxectivo deste galardón non só pasa por promover a creación literaria en galego no ámbito da narrativa breve, senón que tamén quere ser unha sentida homenaxe á autora brasileira con raíces galegas que lle da nome.
Nélida Piñón garda vinculación familiar co municipio de Cotobade, que a nomeou filla adoptiva no ano 2005.
Escritora de gran relevancia internacional, recibiu o premio Príncipe de Asturias no 2005, foi a primeira muller no mundo que presidiu unha academia da lingua (a Academia Brasileira das Letras) e resultou distinguida, entre outros fitos, como doutora honoris causa por diversas universidades, entre elas a Universidade de Santiago de Compostela. O pasado 27 de setembro ingresou como membro de honra na Real Academia Galega.
O premio está dotado con 6.000 euros.